Verín acolle a representación da obra “Bicos con lingua”, unha comedia dirixida por Avelino González Imprimir
Mércores, 16 Setembro 2020 11:44

 O domingo 27 de setembro, ás 19:00 horas, o Auditorio Municipal de Verín acolle a representación da obra de teatro “Bicos con Lingua”, unha comedia dirixida por Avelino González e interpretada por Artur Trillo e Toño Casais. 

As entradas, de carácter gratuíto, poden adquirirse de maneira anticipada na taquilla do Auditorio Municipal de Verín, en horario de 17 a 20 horas.

Esta obra, posta en escena pola compañía Talía Teatro e promovida pola La Rede de Dinamización Lingüística en colaboración co Concello de Verín, foi galardoada co Premio María Casares ao mellor texto orixinal e co Premio María Casares ao mellor actor protagonista (Artur Trillo).

Sinopse

Bicos con lingua é un espectáculo en clave de comedia no que a través de diversas situación cotiás invita a unha fonda reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega.

Nace dun forte sentimento de amor cara algo tan propio como é a nosa lingua: a lingua galega. Non se trata en ningún momento dun exercicio de victimismo, nada máis lonxe da nosa intención, senón de afondar nun problema real e, certamente, preocupante. Así, pretendemos que esta montaxe supoña para o espectador unha experiencia de redescobremento dunha lingua que existe e que crece na súa inmensa riqueza, a pesares dos usos e abusos aos que está sometida de cotío.

Obra N.R.M. 13 anos.