Curtas de Bélxica, Suecia, Canadá e España, e unha feita en Verín, premiadas no FIC Vía XIV 2020 Imprimir
Domingo, 13 Setembro 2020 11:21

A V edición do Festival Internacional de Curtas, FIC Vía XIV, de Verín baixou hoxe o pano cun acto de clausura conducido pola comunicadora Iria Sobrado, no que se entregaron os premios ás mellores curtas encadradas nas diferentes categorías. Traballos de Bélxica, Canadá, Suecia, España e tamén un feito en Galicia (con selo verinés) coparon o palmáres nesta edición 2020 do certame, celebrado baixo un estrito protocolo de seguridade anti-Covid.

O Premio á Mellor Curta na Categoría “Outra Mirada” foi para Bos, un traballo dirixido por Steffen Geypens. Jamila, unha curta sueca realizada por Sophie Vukovic, ergueuse co Premio á Mellor Curta na Categoría “Horizontes”. Por outra banda, Eco -do madrileño Aitor de Miguel- levou o Premio á Mellor Curta na Categoría “A Raia” e, finalmente, Je finirais en prison, de Alexandre Dostie, feita en Canadá, foi distinguida co Premio á Mellor Curta na Categoría “Nova”. O Premio do Público foi para Feitizo, unha curta dirixida polos mozos de Verín Álex González e Patricia Porto.

O xurado decidiu tamén outorgar unha mención especial, dentro da categoría A Raia, á curta Néstor, do portugués Joao González.

O audiovisual, imprescindible durante o confinamento

No acto de clausura do FIC Vía XIV 2020, interviu o tenente alcalde de Verín, Diego Lourenzo, quen destacou que “nos últimos meses, todos vimos de vivir intres nos que o argumento de A peste foi o da nosa propia existencia: a solidariedade que renace, a importancia dos achegados, a fortaleza da familia e dos nosos como piar para resistir, sentimentos que xa serán sempre parte do noso propio filme”.

E neste contexto, destacou, que o audiovisual, “nos intres de illamento obrigado con nós mesmos fíxose imprescindible, coma un faro para dirixir o contido de cada xornada”.

A cultura non debe deterse

Nesta mesma liña, afondou Carlos Montero, director do FIC Vía XIV, ao afirmar que tomar a decisión de promover esta quinta edición do certamen non foi algo doado. Porén, baixo o convencemento de que “a cultura non debe deterse” impulsouse a convocatoria este ano e fíxose seguindo un estrito protocolo que garantirá a seguridade tanto dos convidados, coma a dos asistentes e a do propio equipo organizador. “Só os soñadores moven montañas”, afirmou Montero, facendo súa unha cita da película alemá Fitzcarraldo. “Promover o festival nun contexto coma o actual cheo de dificultades foi unha verdadeira odisea”, engadiu.

“E se este soño, de darlle continuidade ao noso festival e de non nos deter, puido materializarse foi posible grazas ao traballo e ao esforzo dun consolidado equipo, moi  implicado” e tamén “grazas ao apoio e esforzo de diferentes entidades públicas e privadas que co seu respaldo apoiaron o FIC, particularmente o Concello de Verín”, destacou.

Boa resposta do público

Finalmente, Montero puxo en valor tamén a implicación responsable do público co certame, o que evidencia que a decisión de mudar a data do festival -que adoitaba celebrarse en decembro- foi axeitada. Nos vindeiros días, segundo destacou Montero, facilitaranse os datos de asistencia. Porén, o director do certame avanzou xa que houbo seis sesións e actividades paralelas que colgaron o cartel de completo durante a semana.