O FIC Vía XIV ofrece unha proposta sonora alternativa á curta O carro e o home Imprimir
Luns, 07 Setembro 2020 10:07

O FIC Vía XIV explorou un ano máis a relación entre a música e o cinema, un dos eixos recurrentes ao longo dos seus cinco anos de vida. Nesta ocasión, a organización do Festival contou co apoio dun grupo de membros da Banda de Gaitas Nova Era de Verín, que ofreceu unha proposta musical orixinal, alternativa e propia a unha curta documental.

A curta á que os membros da Banda puxeron música é O carro e o home, unha película documental en branco e negro dirixida por Antonio Fernández-Román e guionizada entre Xaquín Lorenzo e o propio Antonio Román, que foi rodada en 1940 e estreada en 1945. Finalizada a súa rodaxe, a película quedou sen sonorizar e Xaquín Lorenzo gardou unha copia en Ourense, que se restaurou e sonorizou en 1980 grazas ao pulo de Eloy Lozano e á colaboración do Museo do Pobo Galego.

A actuación musical, celebrada no Auditorio de Verín, foi presentada por Pepe Coira, ex director do CGAI, e prestixioso crítico, guionista e director cinematográfico galego.

Axenda do luns

A axenda de actividades paralelas do FIC Vía XIV continuará este luns pola tarde coa proxección do documental Caminos de Tierra, que detalla a experiencia vivida por tres mozos de Verín na súa viaxe de Galicia a Polonia a bordo dunha caravana autosostible. Máis tarde, no mesmo recinto do Auditorio, Frei Chitín -unha das persoaxes máis singulares do Entroido da vila- ofrecerá un espectáculo que garantirá as risas do público co seu humor cheo de retranca e ironía.