Arrinca a sexta fase do Plan de Rehumanización da Vila con catro actuacións simultáneas Imprimir
Venres, 12 Xuño 2020 13:21

 Doce operarios municipais xa traballan na sexta fase do Plan de Rehumanización de Verín. A mellora integral da contorna da Alameda, a dotación dun novo punto urban de recollida de lixo, a reforma da Praza do Concello e a ampliación das aceras en diferentes puntos da vila son as obras que xa se encontran en curso e que segundo explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, «están destinadas a modernizar a trama urbana da cidade e mellorar as  infraestruturas da nosa vila».

A contratación dos traballadores (peóns e albanéis), que esta semana emprenden a nova fase do Plan de Rehumanización de Verín, foi posible grazas ao convenio asinado pola concellería de Recursos Humanos e Réxime Interior do Concello de Verín, dirixida por Rosario Rodríguez Delgado, e o INEM. Este acordo subscrito co organismo público de emprego  permite que os seleccionados perciban unha retribución lixeiramente superior á prestación por desemprego que lle corresponde sen perder os beneficios sociais da súa cotización á tesourería que, ao ser sufragada polo  INEM, suponlle un importante aforro ás arcas do Concello.

As actuacións  en curso son as seguintes:

  • A reforma integral da contorna da Praza da Alameda que permitirá a reordenación da conexión da mesma coa Praza Maior para priorizar ao peón e dotará de beirarrúas máis anchas á praza, así coma de novas zonas arboladas a área exterior dos centros de día e da terceira idade (ata a rúa muralla). Realizarase tamén a renovación da rede de saneamento na cara oeste da Alameda (zona dos pubs) e remodelaranse os accesos ao parque, así como o pavimento das súas zonas infantís con terrizo.
  • Construción dun novo punto de Recollida de Lixo situado na avenida Luis Espada, ao que se sumarán outros novos cinco puntos nas próximas semanas e que estarán situados na avenidas Luís Espada, avenida de Laza, rúa Elle e avenida de Portugal. A misión  destes puntos  limpos  é a retirada dos contedores de  lixo das  rúas de Verín, e a concentración das labores de  reciclaxe e baleirado de aceites. Lestes puntos están  illados  visualmente, e  contribúen a  mellora da  paisaxe urbana de Verín.
  • Ampliación e acondicionamento de varias beirarrúas na avenida de Laza, na rúa Luis Espada e na avenida de Castilla. Nesta última tamén se plantarán máis árbores.
  • Eliminación dos bordillos das zonas axardinadas da Praza do Concello.