Verín acollerá en xuño a estrea universal en autocine do filme “María Solinha” de Ignacio Vilar Imprimir
Venres, 15 Maio 2020 00:00

O Concello de Verín ven de pechar un acordo con Vía Láctea Filmes para acoller a primeira exhibición en autocine da estrea da película “María Solinha”, de Ignacio Vilar, aproveitando a rede de parkings públicos que cambiaron a mobilidade urbana na vila do Támega nos últimos anos.  A estrea universal en autocine do filme será o próximo 21 de xuño, nunha gala coa presenza dos artistas e director, no parking libre central de Verín.



“O compromiso de Verín co cinema”, sinalou o director do filme, Ignacio Vilar, “mantendo unha sala de exhibicións pública e os seus enormes espazos de aparcamento no centro nos fixeron pensar nesta vila como lugar óptimo par esta nova  tendencia na exhibición cinematográfica: o autocine é o futuro”.

Igualmente, o alcalde da vila, Gerardo Seoane, afirmou que “xa que temos os espazos, estratexicamente situados, imos facer un experimento para ver si podemos atraer público para unha actividade permitida polos protocolos sanitarios, segura e que serva para dinamizar con seguridade as actividades en Verín”.

O proxecto, desenvolto coa colaboración de  Vía Láctea Filmes “conta cos permisos de exhibición específicos e a licenza de autocine, e coa correspondente frecuencia de FM na que cada vehículo, na súa propia radio, permitirá seguir a banda sonora con total calidade e aislados todos nos seus coches”, explicou Seoane.

O parking libre central de Verín cota cunha capacidade de ata 300 vehículos, e as prazas serán delimitadas para a ocasión. A proxección poderase seguir dende os vehículos, sen necesidade de contacto físico algún nin de baixarse dos coches.

“Contactaremos cos hostaleiros para tentar de implicalos na iniciativa”, explicou a concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza, “de xeito que exploren a posibilidade de servir un `menú autocine´ que se poda consumir nos coches, ou de montar algún tipo de apoio ao evento”.  “Hai que ter en conta que, se o proxecto funciona, pensamos darlle continuidade ao longo do verán, para atraer a público de toda a provincia”, anticipou Somoza.

Actores e actrices

Todos os actores e actrices de “María Solinha” acompañarán ao director, Ignacio Vilar, nesta premiere, na que ás 22.00 comezará a gala no autocine, para pasar a continuación á exhibición da película.

A película é a reconstrución da historia de María Solinha, acusa de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista sufre, en pleno século XXI, inquietantes ecos da agresión que sufriu María Solinha no século XVII.

O reparto está composto por Laura Míguez, Grial Montes, Santi Prego, Mabel Rivera, Antonio Durán “Morris”, Mela Casal, Alfonso Agra, Melania Cruz e Sheyla Fariña.