O grupo de goberno anuncia o “Plan de Accións de Estímulo Económico para Verín 2020-2021” con más de 21 millóns de euros e a creación de 150 postos e traballo Imprimir
Luns, 04 Maio 2020 12:29

Intensa mañá económica no Concello de  Verín. Tras comezar a sesión gardando un minuto de silencio en recordo a todos os falecidos durante a pandemia da covid-19, o pleno municipal aprobou o orzamento para 2020 por importe de case 14 millóns de euros, cunhas inversións directas de 3.420.713,14 euros, o que triplica a cifra do ano anterior. Ademais, ao termo do pleno, o grupo de goberno deu conta do “Plan de Acción de Estímulos Económicos para Verín 2020-2021” que contempla o desembarco de 21 millóns de euros en inversións para a vila, “unha importante  inxección no tecido produtivo de Verín para superar a crise do coronavirus”, e que prevé crear 150 empregos directos.

Tal como estaba previsto, un “macropleno” económico abordou esta mañá a posta en marcha dun importante paquete de medidas en Verín, algunhas xa previstas e cuxa tramitación estaba preparada de hai tempo, como o orzamento 2020, con 13.963.237,05 euros e un recoñecemento extraxudicial de crédito de 1,5 millóns para afrontar pagos pendentes a provedores. O documento prevé tamén un importante plan de emprego, cunha oferta pública e unha bolsa de traballo que xerarán 45 empregos directos.

Sen embargo, nunha segunda parte, a dirección municipal deu a coñecer outras  novidades, concretamente un plan específico de inversións denominado “Plan de Acción de Estímulos Económicos para Verín 2020-2021” para facer fronte á crise económica derivada da pandemia do coronavirus. Así, tras a aprobacións dos orzamentos de 2020, Gerardo Seoane explicou que o grupo de goberno ven de rematar o “Plan de Acción de Estímulos Económicos para Verín 2020-2021”, que describiu como “un paquete de medidas de xestión destinadas a captar inversións de reactivación da economía local” que prevé o desembarco na vila de 21 millóns de euros en inversións en dous anos.

Modificación orzamentaria

Segundo destacaron desde o grupo de goberno a primeira medida do “Plan de Acción de Estímulos Económicos para Verín 2020-2021” comeza inmediatamente, coa preparación dunha modificación orzamentaria do documento recén aprobado para “adaptalo a nova realidade derivada da crise sanitaria, e empezar e contemplar as novas medidas necesarias para a posta en marcha da reactivación económica”.

Dese xeito, o primeiro punto do “Plan de Acción de Estímulos Económicos para Verín 2020-2021” será a elaboración dun plan de investimentos municipais (a maiores dos 3,5 millóns do orzamento 2020) por valor de 2 millóns de euros “en obras de modernización urbana e mellora do entorno municipal, que se desenvolverá tamén ao longo deste ano”. Estes investimentos deberían “ser desenvoltos nun 90% por empresas locais”, para favorecer a recuperación económica.

Así mesmo, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, anunciou que o “Plan de Acción de Estímulos Económicos para Verín 2020-2021” contempla a sinatura e desenvolvemento de xestións urbanísticas que supoñen máis de 10 millóns de euros en inversións no termo municipal. “Os Plans Especiais de Infraestruturas e Dotacións das áreas termais permitirán desenrolar  inversións previstas por operadores privados de 2,5 millóns de euros no caso de Cabreiroá, nas obras de ampliación da planta de envasado, e de outros  3,5 millóns de euros pola Fundación San Rosendo na construción de  unha moderna instalación dotacional en Caldeliñas”.

Igualmente, Seoane destacou que os convenios e xestións urbanísticas poderían supor outra importante inversión -2,5 millóns- noutra nova planta de envasado en Fontenova, con varios proxectos sobre a mesa, e a mesma cantidade prevista para a creación dun centro comercial na zona de entrada á vila, solicitude cursada polo grupo comercial  Corazonia-Eroski.

Subvencións doutras administracións

O “Plan de Acción de Estímulos Económicos para Verín 2020-2021” contempla ademais a sinatura e tramitación dun importante paquete de medidas en colaboración con outras administracións, nomeadamente a o Goberno do estado, a Xunta e a Deputación.

Así, o Concello de Verín tramita unha subvención ao cargo do 1,5% Cultural para a rehabilitación do inmoble de Caldeliñas, que suporía “continuar o proceso de recuperación que iniciamos hai catro anos, e que puxo de novo no mapa a esta xoia municipal de Verín”. Agora, unha nova inversión de 800.000 euros “daralle o toque definitivo”, afirmou Seoane.

Ademais, están pendentes de ser adxudicadas axudas do Estado por valor de outro millón de euros para a nova ponte da Preguiza e para a renovación de luminarias por parte do IDAE.

Dende o goberno municipal, aproveitaron o “macropleno” económico para anunciar que inmediatamente requirirase por carta á Xunta para “que contesten inmediatamente á solicitude que presentamos hai dous anos para a compra de 297.000 metro cadrados no parque de Tamagos, así como sobre a declaración mineromedicinal da auga de Caldeliñas, que leva dous anos de retraso”.  Tamén pedirase oficialmente explicacións sobre a situación de todos os informes de licencia en materia urbanística e de comercio que están pendentes.

Deputación de Ourense

O “Plan de Acción de Estímulos Económicos para Verín 2020-2021” tamén contempla un apartado no que o Concello de Verín propoñerá accións de activación económica á Deputación de Ourense.  Así, proporalle ao ente provincial os seguintes convenios:  a mellora da estrada Mandín-Feces de Cima, a mellora da estrada Verín-A Pousa, a remodelación da Ecovía Verín-Feces para crear unha alternativa ao Camiño de Santiago e mellora dos accesos a Cabreiroá.

Medidas de apoio ao comercio

Finalmente, o grupo de goberno deu conta das medidas que o “Plan de Acción de Estímulos Económicos para Verín 2020-2021” conterá para axudar ao pequeno comercio. Será un primeiro paquete de accións de emerxencia por un valor aproximado de 150.000 euros,  que conterá a supresión da taxa da basura por un trimestre (ampliable a outro) a de toldos e rótulos, a de terrazas e a condonación do 10% da taxa de Sogama para todos os veciños.

Debido ao cambio de mentalidade na teleformación incrementado pola crise sanitaria, rematou Seoane, o “Plan de Acción de Estímulos Económicos para Verín 2020-2021” tamén incluirá a creación dun Centro de Estudos a Distancia da UNED e unha aula de teleformación e teletraballo.

Así mesmo, o concelleiro de Facenda e portavoz do goberno, Diego Lourenzo, e a concelleira de Recursos Humanos e Réxime Interior, Rosario Rodríguez,  anunciarán esta semana as medidas especiais que se implementarán no ámbito fiscal, así como nas áreas de organización e de persoal.