Dez colectivos elaboran, altruistamente e con fins sociais, coplas para “os Maios” de Verín Imprimir
Luns, 27 Abril 2020 00:00

Segundo confirmou esta mañá a concelleira da área de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza, son dez os colectivos que xa están a traballar na elaboración das tradicionais coplas dos Maios, superando así o número de participantes con respecto ao ano pasado.

Somoza quixo destacar o «extraordinario esforzo e a implicación que están a demostrar os centros de ensino da vila traballando arreo, incluso nunha situación tan difícil coma a que está a vivir a nosa sociedade, para q a tradición se manteña viva e sirva para fins sociais».

A concelleira de Festexos tamén agradeceu o «altruísmo e compromiso social» das asociacións e do centro de día Raiola que, ao igual q os colexios e institutos que elaboran as coplas, non recibirán este ano ningún tipo de contraprestación por participar, posibilitando así  que o o Concello  poida doar íntegra a cantidade  orzamentada para os Maios  á investigación da vacina contra o COVID-19»,

Os colectivos que están a elaborar coplas son os seguintes: IES Xesús Taboada Chivite, Colexio Plurilingüe María Inmaculada, o Colexio Apostólico Mercedario, o CEIP Princesa de España, o CEIP Amaro Refojo e o CRA Monterrei; e pola Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta, a Asociación de nais e pais de alumnos e alumnas do Conservatorio de Verín, o Centro de día de Verín Raiola e, como xa vén sendo habitual neste Certame en lembranza da persoa que recuperou a tradición dos Maios en Verín,  da Asociación Verinense de Amigos da Música.

Celebración dos Maios durante o actual estado de alarma

A concellería de  Festexos do Concello de Verín celebrará a festa dos Maios, mantendo a elaboración das tradicionais coplas pero adaptadas e optimizadas para a súa lectura e difusión a través de internet e dispositivos móbiles. Ao non ser posible a venda das coplas e a recadación de fondos solidarios para as asociacións participantes, así como a elaboración dos Maios Florais, debido ás restricións derivadas do actual estado de alarma, este ano o ente municipal decidiu  doar,  integramente, a  cantidade  orzamentada para devanditos festexos  á investigación da vacina contra o COVID-19.