Un “macropleno” económico aprobará case 14 millóns de euros para o Orzamento do Concello de Verín 2020 Imprimir
Venres, 24 Abril 2020 00:00

Presencial pero coas medidas de seguridade recomendadas. Así vai ser o ”macropleno” económico do vindeiro 4 de maio do Concello de Verín, no que o consistorio do Támega vai mobilizar preto de 14 millóns de euros que repercutirán directamente na economía local. Especialmente destacable é o capítulo de inversións, que destinará durante este ano 3,5 millóns de euros (un 250% máis que en 2019) a unha inxección directa de obras e proxectos que, ademais de melloras e modernización para a vila, “repercutan directamente na economía local”, sinalan dende o grupo de goberno. Xa anticipan tamén que, case inmediatamente, haberá unha modificación para facer fronte aos efectos da crise.

A Comisión especial de contas, economía e facenda ditaminou hoxe os expedientes para a aprobación en pleno o próximo luns 4 de maio de tres documentos que porán sobre a mesa 14 millóns de euros na vila. Dende o grupo de goberno destacan a oportunidade do momento,  pola necesidade de facer inversións reais no tecido produtivo de Verín, e detalla que os 3,5 millóns do orzamento que se aprobarán no pleno son de inversión neta. Outro 1,5 millóns de euros liquidará os pagos a provedores do Concello de Verín.

 O tenente de alcalde, Diego Lourenzo, sinalou que “coa aprobación deste paquete orzamentario, e coa liquidación do pago a provedores, cumprimos e pechamos a folla de ruta prevista antes da emerxencia do coronavirus”. “O goberno ponse agora”, anticipou Lourenzo, “a preparar unha modificación orzamentaria que, posiblemente xa neste mes de maio, detone outro paquete de medidas extraordinario e específico para relanzar a economía local, con cambio de prazos tributarios e exencións fiscais incluidas”.

Os documentos que hoxe aprobou a Comisión de Pleno foron varios, co Orzamento e recoñecemento extraxudicial de crédito entre eles. A aprobación do Orzamento 2020 para o municipio de  Verín, “inclúe unha partida de inversións realmente excepcional, de 3,5 millóns de euros”, explicou o rexedor, Gerardo Seoane, “ten que ser agora, cando os nosos veciños e as nosas empresas máis o necesitan”.

O Orzamento do Concello de Verín para 2020 será de 13.963.237,05 euros.  Destaca especialmente polo incremento no esforzo inversor “xa non tanto pola necesidade de modernizar a vila, como viñemos facendo ata o de agora, senón de servir de motor para a economía local, se tal e como se prevé esta acusa un duro golpe pola crise sanitaria”.

Concretamente, a cantidade prevista para inversión será de 3.420.713,14 euros, a máis elevada dos últimos exercicios, en porcentaxe un 250 por cento  máis que en 2019.

Asimismo, o pleno aprobará unha operación de tesourería para pagar inmediatamente a provedores 1,5 millóns de euros, “outra inxección económica directa cando máis se necesita”. Asimesmo, un recoñecemento extraxudicial de pagos “porá ao día todos os pagos do municipio”, e pechará –tamén para aprobación no “macropleno” do 4 de maio- os períodos económicos anteriores de Verín.