O Museo Claustro Mercedario compartirá parte das súas pezas en Facebook buscando xerar unha base de datos que recolla a nomenclatura local destes obxectos. Imprimir
Venres, 03 Abril 2020 11:18

O Museo Claustro Mercedario de Verín continúa coa súa actividade cultural a través das redes sociais grazas a unha iniciativa que busca fomentar a participación de veciños e veciñas para crear pequenos foros de debate sobre diferentes pezas das que compoñen a súa exposición “A Lareira”.

A través da súa páxina de Facebook, o Museo de Verín realizará unha serie de publicacións nas que se presentarán diferentes pezas que se poden atopar na exposición do museo. Ditas publicacións achegarannos á historia de cada utensilio, á vez que fomentará a participación dos usuarios para que compartan, a través dos seus comentarios, dende o nome que recibía cada obxecto na súa localidade de orixe como calquera anécdota que desexen dar a coñecer.

O Museo de Verín, que actualmente permanece pechado por mor da situación de alarma que está a vivir o país, procura manter deste modo a continuidade da súa actividade a través dunha iniciativa que fomenta a participación cidadá co fin de conseguir unha base de datos que recolla a nomenclatura local das distintas pezas que forman a súa exposición “A Lareira”. Un xeito de continuar coa cultura nestes días e un intento de involucrar aos veciños na divulgación do noso patrimonio.

Cada luns, entre os usuarios que comentaran a semana anterior algunha destas publicacións aportando algún dato sobre as pezas, o Museo de Verín sorteará exemplares do libro “Historia de Verín en 100 obxectos”, que foi editado no ano 2019 polo Concello de Verín. Dito libro busca contar, dunha maneira diferente, a longa historia común e as particularidades dos oito concellos que forman a comarca de Monterrei a través de 100 obxectos que definen a súa identidade cultural.