O Museo de Verín cumpre tres anos con cerca de 27.000 visitantes e medio cento de actividades realizadas. Imprimir
Venres, 20 Marzo 2020 15:29

O Museo Claustro Mercedario cumpre estes días o seu terceiro aniversario, un trienio con máis de medio cento de actividades académicas, divulgativas e pedagóxicas enfocadas a dar a coñecer a historia da súa comarca e crear entre os seus veciños un sentimento de identidade. Coas portas temporalmente pechadas por mor das medidas sanitarias, afronta unha nova etapa orientada á xestión das doazóns de fondos que comeza a recibir.

O Museo Claustro Mercedario permanece pechado, dende o pasado 12 de marzo, por mor da situación sanitaria actual en relación co COVID-19. Ata esa data, a suma dos visitantes que pasaron polas instalacións do museo chegaba aos 26.894, unha mostra do éxito turístico e do compromiso conseguido cos veciños.

O Museo Claustro Mercedario foi quen de articular e redirixir  a todo o público con inquedanzas culturais da comarca de Monterrei -  tanto veciños coma visitantes -  cara os distintos e diversos recursos artísticos, patrimoniais, culturais e históricos da comarca. Proba desto é a  implicación crecente da veciñanza que comeza a achegarse ao museo para a cesión de pezas para a súa exposición e divulgación.

Entre as actividades destes tres anos de vida, cabe destacar:

  • Unha cifra record de 27.000 visitantes en tres anos
  • Doce exposicións e actividades de interpretación patrimonial
  • Nove actividades da UNED
  • Un congreso internacional de lagares rupestres
  • Catro congresos e xornadas de divulgación
  • Sete actividades e visitas formativas con prescriptores
  • Cinco boletíns de “Peza do mes”
  • Dúas publicacións e numerosos folletos

O MUSEO CLAUSTRO MERCEDARIO DE VERÍN.

O museo localízase nun emblemático edificio verinense do século XVIII, construído en parte con pedras procedentes da fortaleza de Monterrei. No ano 2017, coincidindo coa celebración das festividade de San Lázaro na vila, o Concello apostaba por un proxecto que dinamizase a cultura, o turismo e a vida social de Verín.

”Dionisos, 2000 anos de viño en Monterrei”, ”Tartessos, primeiros contactos”, ”Identificadores aromáticos e túnel dos viños de Monterrei”, ”Monterrei, berce do licor café”,  “Padrón dos Pobos” e “A Lareira”. As súas exposicións permanentes permítennos mergullarnos na pel dos contrabandistas da raia con Portugal, aló polo tempo da ditadura, ou incluso visitar unha lareira tradicional e lembrar, ou descubrir, como era a vida ao redor destas habitacións tan significativas nas casas galegas antigas. Pero sobre todo, grazas ao fío condutor do viño, podemos descubrir a forte tradición vitivinícola que marca a historia de Monterrei e cómo foron os primeiros contactos dos habitantes do val co resto de civilizacións visitantes.

Tamén pasaron polas instalacións diversas exposicións temporais cedidas polo CEIGA como foron “Aves de Galicia”, “ A bolboreta monarca” ou “Morcegos de Galicia”; a través das cales se dan a coñecer as diferentes variedades, morfoloxías e estudos das diferentes especies. Ademais, o Museo de Verín acolleu a exposición “Verín, enclave de gaita”, en colaboración coa Escola de Gaitas de Ourense e o Obispado de Ourense, na que se relacionaba a historia da gaita coa historia da humanidade e se destacaba a tradicional importancia deste instrumento na comarca.

Pero a súa actividade vai máis aló, coa colaboración con centros educativos e institucións sociais, dando a coñecer a identidade comarcal que nos define. Actividades entre as que destacan 6 cursos vitivinícolas universitarios en colaboración coa UNED, máis de unha trintena de visitas escolares, visitas guiadas turísticas, Xornadas Micolóxicas anuais, participación na edición de diversos folletos e publicacións divulgativas e o acollemento de diversas xornadas patrimoniais e culturais de talla internacional.

Tamén destaca a súa labor de divulgación a través das redes sociais e das súas Pezas do Mes, que periodicamente dan a coñecer e afondan na historia dunha das pezas que forman parte da súa exposición.

Unha visión diferente, didáctica e visual pensada a partir das técnicas de interpretación patrimonial máis modernas. Un destino imprescindible para os amantes da enoloxía e que supón todo un enclave estratéxico para o turismo cultural no sur de Ourense. Aqueles interesados en realizar a visita de xeito guiado poden pórse en contacto co museo a través do correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .