BANDO | Medidas de contención para evitar a propagación do coronavirus COVID-19 Imprimir
Venres, 13 Marzo 2020 11:19

DIEGO LOURENZO MOURA,

ALCALDE EN FUNCIÓNS DO ILMO. CONCELLO DE VERÍN

FAGO SABER:


Que ante a situación sanitaria actual en relación co COVID-19, e en consonancia coas disposicións adoptadas no día de onte pola Xunta de Galicia, adóptanse as seguintes medidas preventivas que entran en vigor dende o momento da sinatura do presente bando e perdurarán ata novo aviso:

1º.- Suspender todas as actividades públicas de carácter institucional, social, deportivo e cultural.


2º.- Peche das instalacións municipais (Pavillóns de Deportes, Piscina Municipal, Biblioteca, Museo, Auditorio, Casa da Cultura, Sala de Exposicións, Oficina de Turismo, Centro de Día, Escola de Artes e Oficios, Conservatorio e Escola da Banda de Gaitas).


3º.- Limítase a atención ao público nas dependencias municipais en casos de urxencia ou necesidade improrrogable (Casa do Concello, Casa da Xuventude -sede de Servizos Sociaise oficinas da Policía Local) sempre priorizando a atención telefónica e telemática – correo electrónico ou sede electrónica-.


4º.- Recoméndase limitar as concentracións de persoas en espazos públicos (parques e zonas de recreo) así como terrazas, oficios civís e relixiosos.


Pregamos a súa colaboración. Entre todas e todos seremos capaces de superar a situación actual se seguimos as recomendacións, directrices e ordes da autoridade sanitaria. Con tranquilidade, sen medo pero con precaución.


O que fago público para xeral coñecemento. 


Verín, 13 de marzo de 2020.


O Alcalde en funcións

Diego Lourenzo Moura