O MUMI presenta unha programación moi diversa que busca conectar as industrias musicais galega e portugesa Imprimir
Xoves, 05 Marzo 2020 14:08

Esta mañá presentouse a programación oficial do I Encontro Profesional de Musica Galiza-Portugal que se desenvolverá o xoves, venres e sábado da próxima semana en Verín. A presentación tivo lugar no Auditorio da vila e contou coa presenza de Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín; Emilia Somoza, concelleira de Cultura de Verín; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); Ana Villarino, deputada de Termalismo, Turismo e Medioambiente da Deputación de Ourense; Emi Candal (Urdime SCG) e Inés Portela (Madapro), por parte do MUMI – Galicia; e José Costa (Banzé), por parte de MUMI – Portugal.

Desde a organización do MUMI en Galiza, Emi Candal presentou a feira como “unha oportunidade de negocio para os sectores musicais de Galiza e Portugal que contarán a partir de agora cunha plataforma desde a que construír proxectos conxuntos, trazar alianzas e atopar sinerxias que beneficien e promocionen as músicas de ambos territorios”. Candal asegurou que “a selección de propostas artísticas e actividades profesionais foi coidadosamente pensada para ofrecer unha ampla representación dos distintos estilos musicais que con moitísima calidade están traballando nos dous países” e asegurou que a organización está “enormemente satisfeita pola grande cantidade de propostas recibidas, un total de 315 entre as artísticas e as profesionais, o que demostra a necesidade que había deste encontro". As inscricións para profesionais continuarán abertas ata a propia data do encontro e totalmente de balde a través da web http://mumimusicas.eu/.

Emi Candal tamén puxo en valor a vontade do MUMI de abrirse á participación da cidadanía con varios bloques de concertos e actividades abertas ao púlbico xeral; e agradeceu a colaboración de toda a vila de Verín, onde asegurou que "a ocupación hoteleira para a próxima fin de semana está practicamente cuberta, quedan moi poucas prazas para quen se queira animar'.

José Costa, voceiro do MUMI pola parte portuguesa, destacou que se lograse a participación de propostas artísticas de todo o territorio portugués. Costa avanzou que a continuidade do MUMI está garantida e que xa se está traballando na localización fronteiriza que acollerá o encontro o próximo ano, coa idea de que se poda celebrar simultaneamente nunha localidade galega e outra portuguesa.

Programa de showcases profesionais
O xoves, as presentacións musicais para o público profesional comezarán ás 12:00 na sala 1 do Auditorio coa proposta de Magín Blanco e A Banda das Apertas destinada a público familiar e que contará con público das escolas de primaria de Verín. Ás 13:30, na sala 2, o portugués Luca Argel seduciranos co seu samba doce e intimista. E xa pola tarde, ás 18:30, nesa mesma sala, a cantautora galega Silvia Penide presentará o seu novo traballo.

O venres, serán os galegos Ezetaerre os que abran a programación de showcases ás 12:00 na sala 1 do Auditorio co seu rap combativo que poderá disfrutar tamén o alumnado de secundaria da vila. Ás 15:13 Barry White Gone Wrong achegaranos unha proposta de rock, soul e rythm and blues cun son glamuroso, sexy e cheo de actitude. Ás 17:00 o jazz de Xacobe Martínez Antelo Trío na sala 2 do Auditorio; e para rematar esta xornada de concertos para profesionais, unha maridaxe nas Bodegas Tapias Mariñán, da denominación Monterrei , que no musical correrá a cargo da formación galega Oîma cunha proposta de música tradicional de composición propia, que liga os ritmos galegos cos doutras latitudes.

Actividades profesionais
Dentro da programación profesional, a feira propón espazos no Auditorio de Verín repartidos en distintos bloques ao longo das xornadas do xoves e o venres para que tanto artistas como profesionais dos ámbitos do booking, o management, ou os espazos de programación teñan a oportunidade de marcar encontros rápidos (speedmeetings) para coñecerse, intercambiar propostas e iniciar colaboracións.

Tamén no Auditorio de Verín, desenvolveranse 6 palestras arredor de temas de interese para o sector musical. O xoves está programado ás 11:00 o faladoiro Festivais: Creando experiencias arredor da música; ás 16:00 falarase das Diferentes fórmulas de apoio á música; e ás 17:00 abordarase O asociacionismo na xestión musical. Na xornada do venres, o IGAPE ofrecerá ás 11:00 unha sesión informativa sobre o Financiamento público á produción musical; ás 13:00 faralase de Booking internacional e ás 16:00 o último faladoiro da feira ofrecerá unha panorámica sobre a situación das Salas de Concertos galegas e portuguesas e a posibilidade de tecer redes entre elas.

Actividades abertas ao público
O MUMI, ademais de tecer redes dentro do circuito profesional, quere facer partícipe a toda a cidadanía da enorme riqueza musical que existe a ambos lados da raia. A programación aberta ao público acontecerá en varias franxas horarias. Durante as mañás, no Auditorio, haberá concertos que contarán coa participación de escolares de primaria o xoves e secundaria o venres.

O concerto de benvida e os últimos showcases de cada xornada tamén estarán abertos ao público, previa retirada de convite na billeteira do auditorio para os concertos da casa da cultura e do propio auditorio, e con entrada libre no caso dos bares. O xoves, as portas da casa da cultura abriranse para que o público escoite o pop nostálxico e instrospectivo da banda portuguesa Cassete Pirata. A continuación, no pub Meigallo, o rock and roll sesentudo dos galegos Familia Caamagno, e para rematar a festa, a electrónica do proxecto vigués Pálida no pub Lusco e Fusco. O venres, ás 20:30, no auditorio Os D’abaixo mostrarán un repertorio que atopa inspiración na música ¡tradicional galega; e ás 21:15 os portugueses Bed Legs despregarán tamén no escenario do auditorio o seu rock intenso pincelado de rhythm and blues. E despois, nos bares da vila, O Sonoro Maxín coa súa cumbia galega no pub Meigallo, e a proposta electrónica dos portugueses Spicy Noodles no Pub Lusco e Fusco.

Todas as actividades programadas para a xornada do sábado estarán tamén abertas ao público. A partir das 11:00, na casa da cultura, presentaranse dous libros que nos falan de música: 'Magin Blanco, o camiño da luz' con Carlos Rego; e 'Guadi Galego. Pola beira da canción' con Pepe Cunha. Ás 11:30 na praza de García Barbón (no auditorio en caso de choiva), A Organeta despregará a súa proposta de animación de rúa; e ás 12:00 o Encontro de música tradicional de Galiza e Portugal coas agrupacións Candaira, de Castrelo do Val, e Danças e Cantares, de Mazedo (Monção).

Concerto de Benvida
O xoves ás 19:30, o MUMI está previsto un gran concerto de benvida, aberto tamén ao público xeral, que será presentado pola cantora galega Uxía e o cantor portugués Rui David. As propostas escollidas para esta apertura oficial xiran en torno ás músicas urbanas, que na parte galega se encargarán de representar o Neo Soul de Nastasia Zürcher e o Hip Hop de Dios ke te crew, e pola banda portuguesa, as internacionalmente exitosas rimas da banda de hip hop, Dealema.

O MUMI é o primeiro mercado profesional de música e cultura que se organiza entre os territorios de Galicia e Portugal e está promovido desde unha asociación integrada por empresas, profesionais e colectivos do sector musical galego e portugués; e apoiado polo programa da Xunta 'O teu Xacobeo' co obxectivo de crear unha ponte de ida e volta real e estable para as músicas de ámbolos dous países.



INFO MUMI
MÁIS INFORMACIÓN E FOTOS DOS SHOWCASES AQUÍ