Festa dos Maios 2009 Imprimir
Xoves, 30 Abril 2009 10:30
A praza da Alameda, acollerá o día 1 a Festa dos Maios desde as 11.30 ás 14 horas. Esculturas feitas con elementos naturais, música tradicional, xogos populares, comida de romaría e reparto gratuíto das coplas do Certame Enrique Gómez Pato, ambientarán esta manifestación da cultura tradicional.

Está prevista a participación na Concentración de Maios Enrique Gómez Pato do CEIP Amaro Refojo, CEIP Princesa de España, IES Castro de Baronceli, das asociacións culturais Verinense de Amigos da Música e Sons do Mestremiro e do Verín C.F.

No apartado de xogos tradicionais, celebraranse o trofeo de chave 'Ricardo Soto' e o trofeo de petanca Festa dos Maios, nos que se espera a participación de xogadores da comarca. Unha polbeira instalará unha carpa na Praza da Alameda. Os consumidores pagarán, como en anos anteriores, exclusivamente as racións de polbo. O acto organizado e patrocinado polo Concello de Verín conta coa colaboración da Panadería González e Aguas de Sousas.

No que á animación musical se refire, cóntase coa actuación da Banda de Gaitas do Concello de Verín, que desfilará, a partir 10.30 horas, desde a praza do Concello ata o parque da Alameda, onde ofrecerán un concerto.

A Festa dos Maios recuperouna, en Verín, Enrique Goméz Pato a mediados da década dos cincuenta. Desde entón, “O Pato” -coa colaboración dos seus fillos- e despois a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior, foron os continuadores desta expresión de cultura tradicional.  Con eles Verín seguiu cantándolle á primavera e facendo crítica dos acontecementos locais ou externos con rima de copla.