O cigarrón protagoniza Entroidarte 2009 Imprimir
Mércores, 11 Febreiro 2009 11:36
A Casa do Escudo de Verín acolle, até o día 28 de febreiro, Entroidarte, unha mostra de artes plásticas sobre o tema Entroido organizada polo Concello de Verín e na que participan os seguintes pintores, escultores e fotógrafos vinculados á Eurocidade Chaves-Verín: Alvárias, Anxos Borjas, Aurora López, Beny, Fernando Barreira, Flor Fernández, Gipso, Leonardo, Luis Somoza, Manuela Sánchez, Marilar Salgado, Luís Pachón, Paco, Plácido L. Rodríguez, Rivada, Rojas, Toño Santamarina,Víctor Rodríguez e Xosé Lois Carreira (artistas da comarca de Verín) e Carneiro Rodrigues, Eurico Borges, María Priscila,  Mario Lino e Nuno Duque (todos de Chaves –Portugal-).
Co cigarrón como protagonista dun bo número de obras, tanto en pintura como en escultura e fotografía, Entroidarte é un exemplo de pluralidade. A diversidade de estilos, técnicas, materiais e soportes que caracterizan á arte actual, está reflectida na forma e nos materiais cos que os artistas seleccionados tratan a temática do Entroido. Óleos, acrílicos, ceras ou pasteis, sobre lenzo, papel, aglomerado ou cartón pedra, forman parte da variedade de materiais e soportes utilizados polos pintores da mostra. En escultura, podemos encontrar tallas sobre madeira, ferro ou uso de materiais reciclados. Os fotógrafos preséntannos desde as técnicas máis tradicionais de revelado a instalacións nas que a imaxe impresa é un máis entre os elementos artísticos.

Entroidarte é a única exposición de artes plásticas que se organiza con carácter estábel sobre o tema Carnaval cando menos na Península Ibérica. A exposición clausurarase o sábado día 28 de febreiro, data á que se adianta o final do Entroido de Verín este ano, para evitar a coincidencia do Xantar da Piñata coa xornada das Eleccións ao Parlamento de Galicia.