Ciclo 'Músicas Raianas' Imprimir
Xoves, 04 Decembro 2008 12:03

O alcalde do Concello de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, e o delegado da Consellería de Cultura e Deportes, Antonio Blanco Rodríguez, presentaron esta mañá o ciclo 'Músicas Raianas'. 'Músicas Raianas' naceu como proxecto innovador para divulgar as experiencias musicais máis interesantes que se están a desenvolver no ámbito da música popular na Eurocidade Chaves-Verín. Para iso, elixíronse catro formacións musicais de ámbitos tan distintos como a música tradicional, o fado, a unión de bossanova e jazz; e a fusión, para o tradicional cuarto de corda clásico, de músicas que son innovadoras nese repertorio, como as bandas sonoras, os estándar que dominan as listaxes de éxitos, ou o rock sinfónico. O criterio que se seguiu foi o de incluír na programación a dous grupos de Verín e outros tantos de Chaves. Os grupos seleccionados para o ciclo 'Músicas Raianas' son o grupo verinense de música tradicional Brixel, que actuará mañá venres día 5 ás oito da tarde na Casa da Cultura;  o cuarteto Rock de Cámara, que nos mostrará a súa peculiar fusión musical o venres día 12 á mesma hora e no mesmo lugar; o grupo flaviense Mi Torga, que presentará un disco homónimo, con textos de Miguel Torga levados ao fado, o sábado día 13, ás oito da tarde na Casa da Cultura; e para rematar o ciclo 'Músicas Raianas' coa actuación do grupo Bossa Antigua, que nos presentará a súa fusión de bossanova e jazz o venres día 26 tamén ás oito da noite e no mesmo lugar.