O Concello de Verín inaugura a súa nova aula CeMIT Imprimir
Mércores, 21 Setembro 2011 13:13

O subdirector xeral de Enxeñería e Planificación de Telecomunicacións,  Ignacio Otero, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez González, e o alcalde  de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, inauguraron esta mañá a nova aula CeMIT do Concello de Verín.

Once anos despois de por en funcionamento a Aula Multimedia de Verín, que converteu a este municipio nun dos pioneiros de Galicia en dotar un espazo de infraestruturas tecnolóxicas capaces de soportar servizos avanzados de conferencia, videoconferencia, presentacións remotas, teleformación, videoteca ou streaming de vídeo; a localidade inaugurou hoxe esta nova aula pertencente a Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT), impulsada desde a Xunta de Galicia co obxecto de potenciar o uso das TIC e a Sociedade da Información na comunidade autónoma.  

Esta nova aula está dotada dos mellores avances tecnolóxicos, como equipamentos específicos para  ofertar formación a xente con discapacidade, e permitirá impulsar a realización de novos cursos, de temáticas e niveis diversos, no ámbito da alfabetización dixital, formación avanzada para profesionais das Tecnoloxías da Información e Comunicación, multimedia e audiovisual, e empregados públicos-. Todos eles enfocados a cinco colectivos: a cidadanía, os profesionais das TIC, tanto ocupados como desempregados; as empresas, micropemes e autónomos; os empregados públicos e os axentes territoriais. “Trátase duns cursos que fomentan a realización de actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información”, segundo indicou o rexedor municipal.

Unha cuestión ratificada polo subdirector xeral de Enxeñería e Planificación de Telecomunicacións, que recordou que nesta aula verinense “realizáronse máis de 300 actividades formativas e de información das que formaron parte máis de 40.000 persoas nos últimos once anos”. Por este motivo, tamén destacou o compromiso do Concello de Verín tanto na optimización dos recursos como no impulso de actividades formativas das que se beneficiaron os habitantes de toda a comarca Verín-Monterrei.

“Con esta dotación de novo equipamento cúmprese o compromiso da Xunta de Galicia de contar cun aula CeMIT a menos de trinta minutos da residencia de cada galego e dun aula avanzada en cada comarca”, asegurou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, “que permitirá a creación dunha malla entre as cidades e vilas galegas e puntos do exterior, mediante un sistema de videoconferencia, e xerará comunidades de traballo a través das tecnoloxías e aproveitamento das novas canles de comunicación”.

Na actualidade existen setenta aulas de alta tecnoloxía e 35 dotadas de equipamento para a alfabetización dixital en 91 concellos galegos, “que se converterán nun punto de encontro para a realización de todo tipo de actividades e colectivos”, afirmou Rogelio Martínez, “e que xa supuxo desde o ano 2000 unha inversión de máis de cinco millóns de euros”.