O presidente da Xunta de Galicia inaugura a VI Feira do Viño da D.O. Monterrei Imprimir
Venres, 05 Agosto 2011 10:06

Na xornada de mañá 6 de agosto, a partir das 20.30 horas, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia acudirá a Verín para inaugurar a sexta edición da Feira do Viño de Monterrei,  organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei e o Concello de Verín.

Tras a recepción oficial de autoridades na Casa do Concello, ás 20 horas, os presentes trasladaranse acompañados pola Banda de Gaitas do Concello de Verín e un grupo de cigarróns á praza García Barbón, onde terá lugar a inauguración desta nova edición da Feira do Viño. Nesta ocasión, intervirán no acto o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, o presidente do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Antonio Ángel Méndez Atanes, e o presidente da Xunta de Galicia. A continuación terá lugar o pregón a cargo de Carmen Pardo López, secretaria xeral para o Turismo, e a partir das 21 horas, actuación do grupo teatral 'Os Quinquilláns' coa obra “Arrieir@s”, na que o viño, literatura popular e o froito da vide son os protagonistas.

Tamén mañá terá lugar unha cata popular a cargo da D.O. Monterrei, ás 19.30 horas, media hora máis tarde da apertura do recinto feiral que permanecerá aberto ata a 1 da madrugada. Mentres que o día 7 de agosto, o horario da feira será de 11 a 14.30 e de 19 a 23.30 horas. Durante o domingo, ás 12 horas, tamén se realizará unha cata popular maridada con produtos de denominacións de orixe de Galicia, a cargo de Nacho Costoya Eyo -campión de España de Xefes de Sala-Maîtres 2010-. A partir das 20 horas, concerto folk do grupo musical Brixel, que interpretará temas tradicionais recollidos principalmente na zona de Monterrei, A Limia e As Frieiras; e ás 21 horas, cócteles con vinos da Denominación de Orixe Monterrei.

Nesta edición a Feira do Viño de Monterrei conta coa participación de 14 adegas das 25 inscritas ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei: Ladairo, Pazos del Rey, Terra do Gargalo, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay, Tapias Mariñán, Boo Rivero, Vía Arxentea, Chicheno, Abeledos, Pazo de Valdeconde e Tabú. Ademais, tamén se estableceu un 'Menú Especial Feira do Viño 2011', durante todo o fin de semana, nos restaurantes Brasil e Lugano.