Os nenos da Ludoteca Municipal visitan a Biblioteca Pública de Verín Imprimir
Xoves, 04 Agosto 2011 12:06

Un total de 150 nenos/as da Ludoteca Municipal, organizada durante os meses de verán polo Concello de Verín, visitan durante estas semanas as instalacións da Biblioteca Pública de Verín e a exposición 'Querido Balbino: 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego', organizada pola Consellería de Cultura e Turismo coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e a Deputación de Pontevedra.

Esta actuación está enmarcada dentro do ciclo de visitas guiadas organizadas pola Biblioteca de Verín ao longo do ano, e que xa permitiu que un total de cincocentos alumnos/as do Colexio Rural Agrupado de Monterrei, CEIP Princesa de España, Colexio María Inmaculada e CEIP O Castiñeiro de Laza coñeceran de primeira man o servizo bibliotecario e funcionamento do mesmo; así como, as diferentes actividades educativas e lúdicas que se programan ao longo do ano. Todas elas destinadas a fomentar o interese pola lectura e cultura nos/as nenos/as do municipio, dinamizar a biblioteca e propiciar a labor de voluntariado entre os/as usuarios/as da mesma.

Por outra banda, devandita visita permite que estes 150 menores, con idades comprendidas entre os 3 e 8 anos, coñezan a mostra  'Querido Balbino: 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego', cunha interpretación adaptada a súa idade. A mesma rende homenaxe tanto a un escritor identificado coa terra como o libro Memorias dun neno labrego, o máis lido da historia da literatura galega e tamén o máis traducido a outros idiomas (contabilízanse unha vintena de traducións). 'Querido Balbino' articúlase a partir de dous eixos que guían ao espectador a través dun túnel de vitrinas. Dunha banda, preséntase a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos transcendentes da súa biografía. E doutra banda, amósanse documentos e material referidos á traxectoria seguida polo propio libro e o seu protagonista. Neste sentido, a exposición lembra as edicións adaptacións teatrais e audiovisuais inspiradas en Memorias dun neno labrego, do que xa se imprimiron máis de 600.000 exemplares, e conta cunha sala onde se proxecta un documental sobre Balbino. Ademais, presenta tamén 10 obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego. Os autores que colaboran nesta iniciativa son: Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Esperanza Lema, Federico Fernández, Xoán Domato, Antón Pulido, Herminda Salgueiro, Siro López e Xaquín Marín.