As asociacións de concellos e empresarios de Portas de Galicia presentes na Volta Ciclista a España Imprimir
Mércores, 03 Agosto 2011 12:18

Desde o 20 de agosto ao 11 de setembro, a Asociación de concellos das comarcas Monterrei e Conso Frieiras para o plan de competitividade turística e a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostalería Portas de Galicia desenvolverán actuacións promocionais, de marketing e  comercialización no marco da Volta Ciclista a España, na que Verín será sede de inicio da etapa do día 31 de agosto.

Estas actuacións consistirán na presenza dun stand promocional situado na zona de saída das 21 etapas da Volta Ciclista, que recorrerá toda España desde Benidorm ata Madrid, conformado polos produtos gastronómicos máis significativos dos municipios integrantes neste Plan de Competitividade. Unha actuación que ten como obxectivo posicionar a marca 'Portas de Galicia' e divulgar a gastronomía da zona a través de produtos como o viño da Denominación de Orixe Monterrei, augas de Sousas, Cabreiroá e Fontenova, bica de Laza, pemento de Oímbra, Torta do Cigarrón ou castañas e cogumelos do Riós, entre outros.

O Plan de Competitividade 'Portas de Galicia' está desenvolvido pola S.X. de Turismo do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia e doce concellos do territorio (Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso), integrados na Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turísticas das Comarcas de Monterrei e Conso Frieiras, e a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostalería Portas de Galicia.

Entre os obxectivos deste plan están a búsqueda de especialización tanto no destino como no produto, deseñar unha oferta capaz de introducir a experiencia turística como elemento motivador do viaxe, así como a búsqueda da mellora da competitividade das PEMES e MPEMES turísticas para lograr a sostenibilidade do territorio.