Os Maios de Verín colaborarán con Aldeas Infantís SOS Imprimir
Mércores, 27 Abril 2011 11:40

A praza da Alameda acollerá o domingo día 1 a Festa dos Maios, desde as 10.30 ás 14.30 horas. Esculturas feitas con elementos naturais, música  tradicional, xogos populares, comida de romaría e reparto gratuíto das coplas do Certame Enrique Gómez Pato, ambientarán esta manifestación cultural.

Este ano, e por primeira vez, o que se recade no posto de venda de Maios que colocará o Concello de Verín no Parque da Alameda transferirase a Aldeas Infantís SOS. Aldeas Infantís SOS é  unha organización internacional privada a nivel mundial de axuda á infancia, sen ánimo de lucro, interconfesional e independente de toda orientación política. Esta organización ofrece integración familiar e social aos nenos e mozos en situación de risco ou desamparo que lles confía a Administración Pública, impulsando a súa autonomía e emancipación e a súa igualdade social en dereitos e obrigas. Na actualidade están funcionando 444 Aldeas Infantís SOS e máis de 1.799 dispositivos SOS (centros de acollemento residencial, centros de atención de día, residencias de mozas ou garderías). En España existen 8 Aldeas Infantís SOS , das que unha está en Redondela (Pontevedra).

Está prevista a participación na Concentración de Maios Enrique Gómez Pato, dos CEIP Amaro Refojo e Princesa de España, Colexio María Inmaculada e das asociacións culturais “Verinense de Amigos da Música”, “Sons do Mestremiro” e “Asociación Camiño Verde”.

Por outra banda, no apartado de xogos populares, celebraranse o Trofeo de Chave Ricardo Soto e o Trofeo de Petanca Festa dos Maios, nos que se espera a participación de xogadores de Verín e de Oímbra.

Ademais, unha polbeira instalará unha carpa na Praza da Alameda. Os consumidores pagarán, como en anos anteriores, exclusivamente as racións de polbo. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei colabora ofrecendo o viño que se sirva, Aguas de Sousas serve gratuitamente a auga e o Concello de Verín faise cargo dos gastos do pan.

No que á animación musical se refire, cóntase coas actuación da Banda de Gaitas do Concello de Verín,  que desfilará polas avenidas de Portugal e Luis Espada, praza e rúa da Mercede, rúa da Cruz e praza García Barbón, antes de ofrecer un concerto na praza da Alameda.

A Festa dos Maios recuperouna en Verín Enrique Goméz Pato a mediados da década dos cincuenta. Desde entón, “O Pato” -coa colaboración dos seus fillos- e despois a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior, foron os continuadores desta expresión de cultura tradicional. Con eles Verín seguiu cantándolle á primavera e facendo crítica dos acontecementos locais ou externos con rima de copla.

No primeiro quinquenio dos oitenta, con José Ramón González Sola “Fanfán” como concelleiro de festexos, a festa recibiu un impulso por parte da institución municipal, con actividades paralelas, aliciente gastronómico e subvencións á creación de maios e impresión gratuíta das coplas aos colectivos que non pretendan a venda.

Nesa liña de festa aberta á participación activa de asociacións e centros de ensino, mantívose nas últimas décadas.