Entrega dos diplomas da formación do equipo comarcal de intervención sociolaboral en Verín Imprimir
Xoves, 14 Abril 2011 13:34

O salón de actos da Casa da Cultura de Verín acolleu, na xornada de hoxe, a entrega de diplomas da formación do equipo comarcal de intervención sociolaboral de Xinzo de Limia no concello de Verín, no marco do II Plan Galego de Inclusión Social 2007-2013, presidido por Roberto Rodríguez, xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e Juan Manuel Jiménez Morán, alcalde de Verín.


Este plan, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia e elaborado pola Secretaría Xeral de Benestar, constitúe unha ferramenta de loita contra o desemprego e a exclusión social. O mesmo foi deseñado coa finalidade de consolidar unha estratexia interdisciplinar e transversal que actúe de maneira compensatoria, como unha acción positiva, estruturada e eficaz, para avanzar na igualdade real de oportunidades, potenciando o modelo social galego, baseado nos principios de xustiza social e participación activa de toda a cidadanía. “Do mesmo xa se beneficiaron 7.312 persoas en toda a comunidade, máis de catrocentas nesta zona”, subliñou o xerente. Unha cuestión que reiterou o rexedor municipal que tamén alentou a seguir traballando nestas iniciativas que “ integran e complementan unha estratexia de intervención social, inciden no emprego e impulsan a integración de colectivos menos favorecidos”.

Durante o acto entregáronse os diplomas pertencentes aos cursos de alfabetización, competencias persoais, operación básica de xardinería e prácticas non laborais en peluquería.