Charla e audiovisual de Xerardo Dasairas sobre Xosé García Barbón Imprimir
Xoves, 07 Abril 2011 10:12

A Casa da Cultura de Verín acollerá mañá 8 de abril, ás 20.15 horas, unha charla e audiovisual sobre Xosé García Barbón, realizada polo etnógrafo e historiador Xerardo Dasairas, coa colaboración co Concello de Verín.


Unha iniciativa organizada con motivo do 180 aniversario do nacemento en Verín do prócer local Xosé García Barbón Sola, e na que se  amosará aos presentes a figura de García Barbón e a súa actividade en Verín e Vigo. Ademais, durante o acto, proxectarase un vídeo sobre a vida do filántropo verinenses, gravado fai uns anos para o programa televisivo 'Encontros'.

Xosé García Barbón naceu en Verín o 1 de abril de 1831 e faleceu en Vigo o 7 de marzo de 1909. Cando tiña trece anos emigrou a La Habana onde desenvolveu unha grande actividade empresarial e actividades de mecenado de obras públicas e centros de interese cultural e relixioso. Con cincuenta e tres anos, regresou a Verín cunha inmensa fortuna. Na súa vila natal destacou polo seu labor social e a súa visión emprendedora. A creación e financiamento do Colegio San José (Hermanos de La Salle) foi a obra máis destacada en Verín na súa faceta de filántropo. Do seu apoio financeiro beneficiaríanse obras públicas, como a construción dunha ponte e repoboacións forestais, e culturais, como o sostemento dun mestre auxiliar na Escuela Nacional e dun profesor de música, entre outras moitas accións de colaboración económica a iniciativas locais.

Como emprendedor, cabe destacar entre as súas accións a creación das instalacións do balneario e do hotel de Cabreiroá e dun Banco de Crédito Agrícola, que se caracterizou por ofrecer créditos a baixo interese aos labregos da comarca. Tamén foi moi importante a súa participación en empresas que tiveron moito relevo no seu tempo para o desenvolvemento local, como Electra de Verín, primeira empresa que abasteceu de electricidade a comarca, ou a empresa de coches de liña Automóbiles Ómnibus de Verín. No patrimonio relixioso verinense, García Barbón financiou obras de restauración na igrexa parroquial de Verín, no Santuario dos Remedios ou a refundición da campá grande da igrexa dos RR. PP. Mercedarios, entre outras accións benéficas. A partir de 1894, Vigo converteuse no seu lugar de residencia preferente. Tamén na cidade olívica destacaría pola súa filantropía, dotando de edificios ás Escuela Superior y Elemental de Industrias, doando os terreos para a Escuela de Artes y Oficios ou comprando o Teatro Rosalía de Castro, para evitar que se convertera o seu edificio en centro de actividade mercantil; entre outras moitas axudas prestadas ás iniciativas sociais desa cidade. Cando morreu, Xosé García Barbón proxectaba a reforma e ampliación do teatro vigués e a construción dunha escola para as nenas de Verín.