O 3º Festival Internacional da Palabra programa 12 actos en catro días Imprimir
Martes, 29 Xullo 2008 12:21
Unha ducia de actuacións para os públicos máis diversos, coa palabra como  motivo vertebrador, desenvolveranse en Verín, entre xoves día 31 de xullo e o domingo día 3 de agosto, na 3ª edición do Festival Internacional da Palabra. A actuación da compañía barcelonesa Teatre Arca e un concerto-homenaxe ao músico popular Manuel Rodríguez “Manoliño” destacan nunha programación que se clausurará a última hora do domingo día 3 co recital-presentación do libro A vida nova de Madame Bovary do autor verinense Xosé Carlos Caneiro.
Xéneros tan diversos como o cabaré, o teatro de fantoches ou as artes plásticas intégranse nun programa que protagonizan creadores e intérpretes galegos, portugueses e de Castela-León; aínda que participen artistas dunha ducia de países. Cinco actos de narrativa oral nos que intervirán media ducia de contadores de Brasil, Portugal, Zamora e Galicia, catro presentacións de libros en lingua galega, portuguesa e española, e a actuación dun  recitador ambulante de poemas son os actos nos que a palabra é protagonista dentro da súa vertente máis tradicional ou literaria. Un cabaré ambulante, cunha banda de jazz e sete actores en escena, servirá como contrapunto a este maratón que converterá a Verín durante catro días en centro das relacións en directo das producións culturais en lingua castelá, portuguesa e galega.

O Festival Internacional da Palabra está organizado polo Concello de Verín e conta coa colaboración,  no ámbito institucional, do Instituto Camoes de Portugal, a Deputación Provincial de Ourense, a Cámara Municipal de Chaves e o Concello de Fene. BioCoop, o Consello Regulador da D.O. Monterrei, a Pastelería Primavera e diversos negocios de hostalería son algunhas das empresas da comarca que apoian este festival, que ten un orzamento global arredor dos 10.000 euros.


O festival día a día

 31 de xullo, xoves:

- Humor e palabra (exposición de fondos do Museo do Humor [Fene-A Coruña]). Clausura: 21 de agosto. Horarios de visita, das 10 ás 22 horas, de martes a sábados; das 13  ás 22 horas, domingos e luns.

- Ás 12 horas, Os beijos da agua doce e outros contos na Casa da Cultura de Verín (acto para nenos e nenas de 3 a 7 anos). Narradores/as: Cristina Aleixo Castanheira (Brasil), Rui de Sousa (Chaves)  e Aurora Prieto Tarrío.

- Ás 20.15 horas, na Casa da Cultura de Verín, presentación do Libro–Guía de Monterrei de Xerardo Dasairas Valsa.

 1 de agosto, venres:

- Ás 12 horas, Contos para rir e pensar na Casa da Cultura de Verín (acto para nenos e nenas de 8 a 12 anos). Narradores/as: Vítor Melo (Chaves) e Raquel Queizás.

- Historias frescas para tardes quentes (19 horas, Centro de Servizos Sociais de Verín; 17 horas, Rectoral de Pazos; 21 horas, Casa do Pobo de Tamaguelos), con Helena Faria (Coimbra), José Luis Gutierrez “Guti” (Aliste-Zamora) e Raquel Queizás.

- Ás 20.15 horas, na Biblioteca Pública Municipal de Verín, presentación do libro Atlas histórico da Galiza. Artur Alonso Novelhe (presentador), José Manuel G. Ribeira e José Manuel Barbosa (autores),e Heitor Rodal (editor).

- Na praza García Barbón de Verín, La Biblioteca Mágica de Teatre Arca (Barcelona), ás 23 horas.

 2 de agosto, sábado:

- Ás 19 horas, na praza García Barbón, A Casa do Poeta.
    
- Na Casa da Cultura de Verín, representación da obra de teatro infantil O Tio Misérias, por Fantoches Baj (Lisboa), ás 20 horas

- Ás 20 horas, arruada por Verín de L Bombo (Miranda do Douro-Portugal), Trío La Guadaña (Puebla de Sanabria-Zamora) e Cuarteto Verín.

- Na praza García Barbón de Verín, concerto-homenaxe a Manuel Rodríguez “Manoliño”, coa actuación de L Bombo (Miranda do Douro-Portugal), Trío La Guadaña (Puebla de Sanabria-Zamora), Cuarteto Verín, Rubén Vázquez Delgado (gaita irlandesa), Xan Aparicio (gaita en do) e Manuel Rodríguez “Manoliño” trío. Ás 23 horas.

3 de agosto, domingo:

- Ás 20 horas, polas rúas de Verín, O Cabaré Ambulante da Compañía Teatral Femme Fatale (A Coruña).

- Na Casa da Cultura de Verín, recital-presentación do libro A vida nova de Madame Bovary, con Xosé Carlos Caneiro (autor) e José Manuel Salgado Rodríguez (guitarrista). Ás 23 horas.