Concerto da Capela Compostelana na igrexa dos Padres Mercedarios Imprimir
Luns, 21 Xullo 2008 11:12

 

Mañá, 18 de xullo, ás 20.30 horas a Capela Compostelana actuará por primeira vez en Verín (na igrexa dos Padres Mercedarios). O concerto enmárcase no ciclo Via Stellae – III Festival de Música de Compostela e os seus Camiños, que organiza a S.A. de Xestión do Xacobeo, e conta en Verín coa colaboración do Concello de Verín e da Comunidade Mercedaria.  A Capela Compostelana interpretará catro obras para viola de Marin Marais da serie La Chambre du Roy. O grupo está formado por Francisco Luengo e Xurxo Varela, viola da gamba; Felipe Sánchez, guitarra barroca, e Bruno Forst, clave.
Marin Marais, a viola do rei

O século XVII pasou á historia como unha época de intensos conflitos políticos e de predominio dun modelo de poder autoritario, que se manifesta nas monarquías absolutas e na intolerancia relixiosa, inspirada aínda polo espírito da Contrarreforma -e no aspecto cultural, os artistas dependerán non só dos grandes da nobreza, senón que vivirán baixo a protección real e o seu ditado caprichoso-.

París foi a cidade que viu nacer e morrer a Marin Marais entre os anos 1656 e 1728. Recibiu a súa formación musical como cantor en St. Germain-L’Auxerrois. Máis tarde centrou a súa atención na práctica da viola da gamba, un dos instrumentos carismáticos máis acordes ao refinado espírito do momento, un instrumento co que Marais chegou a identificarse plenamente. Desde 1676 formou parte dos servizos musicais do rei de Francia, desde 1685 baixo ordes de Luís XIV e a partir de 1715 serviu baixo a rexencia e o reinado de Luís XV, ocupando diferentes postos ata o seu retiro en 1725. Membro da orquestra real, intérprete privilexiado de viola na Cámara do Rei, director da orquestra real e compositor de óperas foron algúns dos campos de acción de Marais.
    
Marin Marais foi dono e señor do manexo virtuosístico e da calidade de escritura da viola da gamba, nun grao comparable ao que se lle pode atribuír a Francoise Couperin con respecto ao clave. E así como mentres este desenvolveu na colección das súas Ordres un dos monumentos da creación ao clave, Marais fixo o propio cos seus cinco libros de pezas para viola. Neles reúnense todas as virtudes do compositor: a elegancia e pureza de estilo, a variedade e riqueza na ornamentación, o dominio de todos os recursos do instrumento, a audacia harmónica e a beleza melódica. O catálogo de afectos é completísimo, desde o ton elexíaco das diversas obras-homenaxe, ata pezas de corte xocoso e descritivo como Le tableau de l’operation da taille (nin máis nin menos que unha descrición musical dunha extracción médica dun cálculo biliar).