A antropóloga portuguesa Paula Godinho gana o Premio Xesús Taboada Chivite Imprimir
Venres, 11 Xullo 2008 10:33

Paula Godinho, profesora do Departamento de Antropologia da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa, gañou o Premio Xesús Taboada Chivite co traballo Ouvir o galo cantar duas vezes.

Identificações locais, culturas de orla e construção de nações na fronteira entre Portugal e a Galiza. O premio, ao que concorreron once traballos, está dotado con 6.000 euros, adquirindo os organizadores os dereitos de edición. A obra gañadora foi premiada por unanimidade por un xurado composto polo Prof. Dr. Fernando Acuña Castroviejo, vicepresidente do Padroado do Museo do Pobo Galego; o Prof. Dr. José Gandra Portela, en representación da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; o Prof. Dr. Lourenzo Fernández Prieto, representante da Universidade de Santiago de Compostela; a Prof. Dra. Susana Reboreda Morillo, en representación da Universidade de Vigo; o Prof. Dr. Carlos Francisco Velasco Souto, representante da Universidade da Coruña, e o Dr. António Manuel Alves Ramos, en representación do Museu da Regiao Flaviense (Chaves-Portugal).

O Premio Xesús Taboada Chivite

O Premio Xesús Taboada Chivite está organizado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín e ten como obxectivos promover traballos de investigación científica nos ámbitos da arqueoloxía, a antropoloxía e a historia. Tamén pretende homenaxear ao investigador Xesús Taboada Chivite pola súa obra de estudo e divulgación nesas disciplinas. O pasado ano fíxose a primeira convocatoria da segunda etapa do premio, con motivo do centenario do nacemento do autor homenaxeado. Na primeira etapa, entre os anos 1988 e 2000, gañaron o premio recoñecidos investigadores galegos, como José Eduardo López Pereira (Cultura, superstición e Etnografía de Galicia a través de Martiño de Braga), Xoán Bernárdez Vilar (A etapa portuguesa de Colón, e a súa viaxe a Tile), Antonio Balboa Salgado ( Natureza e Etnografía do Noroeste da Península nas fontes clásicas) ou José Manuel Vázquez Varela (Estudo Antropolóxico da Veterinaria Popular en Galicia).

Características da obra gañadora

Ouvir o galo cantar duas vezes. Identificações locais, culturas de orla e construção de nações na fronteira entre Portugal e a Galiza é unha densa e profunda investigación (320 páxinas) sobre as fronteiras como fenómeno cultural e sobre as relacións, “complexas e multidimensionadas”, que se xeran entre as comunidades locais fronteirizas. A autora, desde un punto de vista histórico, retrotrae a súa análise a creación das nacións portuguesa e española, facendo un estudo moi pormenorizado do Tratado Fronterizo de 1864, polo que se fixaron os límites actuais entre os estados español e portugués. O estudo premiado, desde o punto de vista antropolóxico, céntrase especialmente no sector da “raia seca” comprendido entre o municipio portugués de Chaves e os galegos de Verín, Vilardevós, Oímbra e Cualedro. Como afectan ás relacións de cooperación e conflito nas que sempre se vincularon as veigas de Verín e Chaves os mapas mentais fronteirizos produto dos procesos políticos nacionais? Como se desenvolveu a especificidade neste territorio da súa situación de marxinalidade? Como se vive a integración na Comunidade Europea? Estas son algunhas das cuestións que estuda a autora no traballo galardoado co Premio Xesús Taboada Chivite.

A autora premiada

Paula Godinho é antropóloga e profesora no Departamento de Antropologia da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa, onde imparte antropoloxía aplicada aos movimentos sociais e ás fronteiras, e orienta teses de doutoramento en colaboración coa École des Hautes Études em Sciences Sociales (París) e a Universidad Pablo Olavide (Sevilla). Como investigadora realizou traballo de campo no Norte de Portugal, na fronteira galega e no Ribatejo, e ten publicadas, entre outras obras, Memórias da Resistência Rural no Sul (Couço, 1958-1962) e O leito e as margens - Estratégias familiares de renovação e situações liminares no Alto Trás-os-Montes raiano.
A autora premiada foi profesora convidada na Universidade de Santiago de Compostela (2003) e na Universidade de Vigo (2006), e impartiu cursos e conferencias en diversas universidades europeas.