‘Non queimes o futuro’, exposición para a concienciación ambiental na Casa do Escudo Imprimir
Venres, 15 Outubro 2010 08:48

A Casa do Escudo acolle até o día 29 de outubro a exposición Non queimes o futuro. Mostra para a concienciación ambiental no Ano Internacional da Biodiversidade, organizada polo Obradoiro Nómade Antela, coa colaboración da Consellería de Medio Rural, Asociación Socio-Pedagóxica Galega e Concello de Verín.
Non queimes o futuro é unha exposición que está formada por un conxunto de paneis e os materiais dun obradoiro forestal. Os paneis, de atractivo deseño, sobre un fondo cor madeira e cunha concepción pedagóxica da información -foron elaborados pola A.S.P.G. (Asociación Socio-Pedagóxica Galega)-, presentan textos, fotos e gráficos. A serie comeza coa incidencia do lume no desenvolvemento da humanidade e da agricultura. Centrándose nos incendios forestais, reflicten sobre os factores que os condicionan, as causas estruturais e inmediatas, e o papel dos humanos como incendiarios. Infórmannos, de seguido, dos valores do monte, sobre as políticas de aproveitamento forestal e de ordenamento dos montes e sobre o que perdemos nun incendio. A extinción dos lumes forestais e como axudar, o valor da prevención e unha serie de medidas preventivas completan a información que ofrecen os paneis. Mentres que o obradoiro forestal do Obradoiro Nómade Antela  presenta materiais e produtos do monte, como madeiras, utensilios, libros, medicinas, danos ou lixo.

Non queimes o futuro, pretende incidir, aproveitando o Ano Internacional da Diversidade Biolóxica, no valoración social do monte. Os ecosistemas forestais proporcionan hábitats para unha enorme variedade de especies, son os chamados “Santuarios de Biodiversidade”. Os montes son un sector estratéxico para o país, do punto de vista ecolóxico, económico e social. Formar, concienciar e divulgarlle á poboación as posibilidades dunha xestión sostible dos montes, da importancia da conservación da biodiversidade e do que podemos facer cada un de nós para conservar o patrimonio natural, son algúns dos seus obxectivos.

Na xornada inaugural, un grupo de alumnos do 3º ciclo de primaria do CEIP Amaro Refoxo participaron nun acto no que Xosé Santos, membro do Obradoiro Nómade Antela presentoulles na Casa da Cultura un diaporama con imaxes de ecosistemas forestais, montes, incendios e árbores. O diaporama serviu para que os participantes mantivesen un coloquio sobre a importancia dos bosques para a vida no planeta.

A exposición pódese visitar de luns a sábado das 10 ás 14 horas e das 16.30 ás 20.30 horas.