Axudas do programa ‘Re-solve’ Imprimir
Venres, 08 Outubro 2010 13:12

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da convocatoria de tres axudas do programa ‘Re-solve’, do Instituto Galego de Promoción Económica.

A primeira delas, ‘Apoio ao circulante’, está destinada ao acceso ao financiamento avalado para circulante co obxecto de adecuar e reforzar a súa estrutura financeira, para pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea. O importe máximo de préstamo/crédito subsidiable ao amparo desta liña será de 150.000 euros (o mínimo atendible será de 3.000 euros), e o prazo de vixencia será de tres anos

A segunda, ‘Ampliación do capital social’, ten como fin facilitar o acceso ao financiamento por parte das pequenas e medianas empresas co obxecto de adecuar e reforzar a súa estrutura. Nesta axuda, o importe máximo de préstamo/crédito subsidiable ao amparo desta liña será de 250.000 euros, por socio que subscribe capital e de 500.000 euros por empresa que amplía o seus capital social (o mínimo atendible, por cada un dos socios, será de 3.000 euros), e o prazo de vixencia será de sete anos.

No caso da terceira, ‘Refinanciamento de pasivos’, busca facilitar ás pequenas e medianas empresas galegas a posibilidade de acomodar os compromisos, derivados da súa débeda, as previsións de ingresos a medio prazo, co obxecto de evitar tensións de tesourería. O importe máximo de préstamo/crédito subsidiable ao amparo desta liña será de 300.000 euros (o mínimo atendible será de 6.000 euros), e o prazo de vixencia será de cinco anos.

O prazo para a presentación destas solicitudes remata o 30 de decembro de 2010.

Para máis información e tramitación, de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.