Subvención do Programa Emega Imprimir
Xoves, 10 Xullo 2008 10:31

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da seguinte axuda:

- Subvención para o apoio ao emprendemento feminino como fórmula de loita contra a discriminación no mercado de traballo (Programa Emega).

Esta orde ten como obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria pública para o ano 2008, das axudas e subvencións establecidas polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, en réxime de concorrencia competitiva, para apoiar o emprendemento feminino, como medio axeitado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral co fin de reducir a segregación sexista neste, baixo calquera forma de sociedade, cooperativa, ou establecemento como traballadora autónoma, con domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

As beneficiarias destas axudas poderán ser:
- Liña 1: mulleres inactivas ou desempregadas que se establezan como traballadoras autónomas ou baixo unha forma societaria de carácter unipersonal e mulleres que se unan baixo calquera forma societaria.
- Liña 2: empresarias autónomas e empresas participadas maioritariamente por mulleres (que iniciasen a súa actividade profesional entre o 1 de xaneiro de 2007 e a data de finalización de presentación de solicitudes).

As axudas consistirán nunha subvención, por unha soa vez, de 18.000 euros para a liña 1 e de 12.000 euros para a liña 2. Esta subvención non poderá superar o 50% do orzamento total do proxecto reflectido no programa de investimentos, e a súa concesión será compatible con outros programas elaborados polas administracións públicas, agás que se trata de subvencións do memo tipo, concepto e finalidade. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 25 de xullo de 2008.

Para máis información e tramitación, de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.