Subvencións a pequenos comerciantes ou promotores de comercios no rural que se adhiran á Rede de Comercio Rural Galego Imprimir
Martes, 15 Xuño 2010 11:18

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da convocatoria de subvencións para fomentar a adecuada dotación comercial no medio rural (oferta de produtos de primeira necesidade e servizo de hostalería), así como promover a modernización dos establecementos situados en zonas rurais e a adhesión ao selo de Comercio Rural Galego. A mesma está destinada a núcleos de poboación que non superen os 1.500 habitantes, situados en concellos de máis de 5.000 habitantes, con ou sen planeamento muncipal vixente.

As actuacións subvencionables son:
- Adecuación de novos locais comerciais ou reforma e/ou ampliación dos existentes, nos cales a sala de vendas de comercio en réxime de autoservizo deberá ocupar como mínimo o 30% do espazo destinado ao público sempre que a superficie resultante non supere os 150 metros cadrados e teña unha superficie mínima de 30 metros cadrados de sala de vendas.
- A reforma da fachada da edificación onde se ache o establecemento.
- A adquisición do mobiliario do local comercial.
- O rótulo da Rede de Comercio Rural Galego.
- A adquisición do equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade.

As persoas beneficiarias deben ser propietarias do local en que desenvolven ou pretenden desenvolver a súa actividade ou ter unha disposición sobre el, por calquera medio válido en dereito, que permitan realizar o investimento proxectado. As subvencións consistirán unha disposición en diñeiro a fondo perdido do 70% do investimento en activo fixo, cun máximo de 60.000 €, IVE excluído.

O prazo para a presentación destas solicitudes remata o 14 de xullo de 2010.

Para máis información e tramitación, de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.