‘Contos coas mans abertas’ sensibilizará sobre a solidariedade internacional en vinte vilas galegas Imprimir
Venres, 04 Xuño 2010 12:49

Esta fin de semana iníciase na vila ourensá e Ramirás a xira ‘Contos coas mans abertas’ promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dentro das súas actividades de sensibilización. O espectáculo músico-teatral creado expresamente para esta campaña pola compañía compostelá A Tropa de Trapo percorrerá ata finais de ano un total de vinte Concellos asociados á entidade municipalista galega. Canda Ramirás, son Arteixo, Porto do Son, Xove, Ferrol, Sada, Cambre, Salceda de Caselas, A Estrada, Culleredo, Ames, Nigrán, Mos, Verín, Cangas, Carballo, Burela, Abegondo, O Valadouro e Poio os lugares seleccionados para acoller as representacións.

A proposta, dirixida a público adolescente e adulto, baséase en contos narrados a dúas voces onde a música en directo cobra especial relevancia. Instrumentos como a guitarra, a kalimba, o goni ou o laúde árabe mergullan aos espectadores en historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falan do fondo humano que nos une a todos. Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, ‘Contos coas mans abertas’ é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e grandes soños. Son contos para mellorar o mundo e entendelo mellor.

Mulleres da aldea, cooperantes, guerrilleiros sandinistas, vacas, inmigrantes do Magreb ou unha tribo de bosquimanos son algúns dos protagonistas das historias contadas por Marta Ortiz e Brais Gutiérrez, dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súa inquedanza pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Dende entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenos, mozos e maiores cos seus diferentes espectáculos.