Exposición do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal Imprimir
Luns, 03 Maio 2010 13:49

A partir de mañá, 4 de maio, o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) estará exposto por un período de 2 meses, ata o día 5 de xullo de 2010, para que os/as veciños/as poidan presentar as suxestións e alegacións que estimen pertinentes.

Os documentos e planos do novo PXOM poderanse consultar a través da páxina web do Concello de Verín (www.verin.es) ou directamente no segundo andar da casa consistorial.

Para obter información e aclaracións do mesmo, durante o tempo de exposición, técnicos do Concello e do equipo redactor atenderán aos/ás cidadáns nas oficinas municipais nos seguintes horarios: luns, mércores e venres -de 10 a 14 horas-, martes e xoves -de 10 a 14 horas e de 16 a 19 horas-. Aqueles/as veciños/as que queiran consultar cos técnicos e equipo redactor deberán pedir cita previa do seguinte modo: nas oficinas do 2º andar da casa consistorial, telefónicamente (988-410000, 988-410001, 608-520122 e 609-152208) ou a través de Internet (web do Concello de Verín).

As suxestións ou alegacións poden presentarse presencialmente -nas oficinas do concello (o modelo pode descargarse na web ou o ben obtelo nas dependencias municipais)- ou telemáticamente a través de Internet -o trámite específico atópase na Oficina Virtual da web, pero para esta xestión debe contarse co DNI electrónico-. En ambos casos debese aportar un plano de situación, no que apareza marcada claramente a zona a que fai referencia a suxestión ou reclamación.

Os trámites que vai a seguir o PXOM ata a súa entrada en vigor son os seguintes: finalizado o período de alegacións procederase a súa resolución e notificación ós interesados, aprobación polo Pleno Municipal do plan modificado, e posterior envío á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva. Debido a cambios lexislativos recentes, e que afectan o PXOM, posiblemente haberá que facer modificacións sustanciais que implicarán unha nova exposición pública.