IV GALA DE IGUALDADE ANPA CMUS VERIN: Celebrando a equidade a través da Música Imprimir
Luns, 20 Novembro 2023 15:25

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA), en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Verín e a área municipal de Cultura, Festexos, Turismo e Conservatorio, organiza a súa cuarta edición “Gala de Igualdade”, que terá  lugar o Auditorio Municipal de Verín o vindeiro venres 24 de novembro ás 19:15 horas.


Así o confirmaron esta mañá na casa consistorial José Luís Tielas, director do CMUS; Samanta Barreira, concelleira de Cultura, Festexos, Turismo, Conservatorio e Turismo; e Carmen Sola e Javier Díaz, tesoureira e presidente da ANPA do conservatorio, respectivamente.

Baixo o lema "Medrando en Igualdade coa música”, este evento anual -que está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade- convida a toda a comunidade da comarca de Verín a sumarse a unha velada musical única.

Segundo anunciaron desde a organización, a gala será presentada polo destacado músico verinés Álvaro Rúa, acompañado polos seus compañeiros e membros da banda de Gaitas Nova Era.

A velada musical dará comezo coa actuación da compositora María Mendoza e a voz de Shaila González. Pola súa banda, o peche da mesma correrá a cargo do grupo musical "The Tetas" Van, prometendo unha actuación vibrante e chea de enerxía.

Destaca tamén a participación da reputada artista e investigadora do patrimonio musical Mercedes Peón, a quen se lle dedicará unha das aulas do Conservatorio Profesional de Verín en recoñecemento á súa destacada contribución ao mundo da música. Peón tamén terá unha participación activa na gala, na que -a través de dous dos seus videoclips- amosara aos asistentes como é o seu proceso creativo.

Por outra banda, durante a gala presentarase a xa cuarta edición de Revista Alborada Violeta, unha publicación que ofrece un contido diverso con artigos de destacados profesionais e artistas locais vinculados ao ámbito musical.

Ademais, desvelarase un mural de gran formato creado polo artista local Alex Araujo, titulado "Eterna sinfonía", que engadirá un toque artístico e visualmente impactante ao evento.

 A ANPA se enorgullece de destacar que o Conservatorio de Música de Verín «converteuse nun espazo educativo comprometido coa promoción de valores de igualdade».

A concelleira responsable da área de Conservatorio, Festexos, Cultura e Turismo, Samanta Barreira, quixo agradecer o «esforzo incansable» dos organizadores por levar a cabo este evento tan significativo. «O importantisimo labor do Conservatorio na promoción da cultura e a música é dun valor incalculable para a nosa comunidade». «Ademais», continuou Barreira «gustaríame destacar que o decidido apoio do Concello de Verín a esta gala non só reafirma o noso compromiso co enriquecemento cultural da nosa vila, senón que tamén subliña o firme respaldo á formación profesional no ámbito musical».

A Gala concluirá cun momento de convivencia no que se compartirá un delicioso chocolate con churros con todos os asistentes.