Preto de 5.000 persoas visitaron a terceira edición da Festa da Cervexa de Verín Imprimir
Venres, 20 Outubro 2023 10:55

A terceira edición da festa da cervexa de Verín atraeu a máis de 5.000 persoas ao longo dos seus dous días de celebración. Así o confirmou esta mañá o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quen corroborou que «estes números deixan claro que este evento está máis que consolidado na axenda da nosa vila».


«Todos os expositores cervexeiros aseguran estar moi satisfeitos, superando as vendas previstas», explicou o concelleiro responsable da área de Feiras, Manuel Lorenzo. Así pois, desde as diferentes distribuidoras instaladas na carpa confirman que se abriron, aproximadamente, 180 barrís de cervexa para servir as preto de 5.000 persoas que visitaron o recinto durante os días 13 e 14 outubro. «Isto supón un incremento de, aproximadamente, un 10 por cento de ventas nos stands cervexeiros, con respecto a edición pasada», finalizou, Lorenzo.

Tamén satisfeitos se mostraron os stands de alimentación instalados no recinto, quen declararon a organización ter superado tamén, «con creces», as súas expectativas de vendas.

Máis dunha vintena de variedades de cervexa, tanto nacionais como internacionais, foron as que se puideron degustar nas casetas instaladas na carpa ubicada na zona verde de A Preguiza. Ademais, os asistentes puideron desfrutar de actuacións musicais e unha zona infantil con divertidos inchables. No que se refire á oferta gastronómica, a festa contou con un total de dez stands de comida, unha foodtruck e unha churreira que ofreceron aos asistentes produtos tan variados como salchichas, chourizos, hamburguesas, churrasco, empanadiñas e croquetas caseiras, polbo, empanadas, pan artesán, canciños quentes, pizzas, crepes ou tortas, entre outros.