Teatro Rural pola Corresponsabilidade leva "A Misión Secreta de Gala" a Verín Imprimir
Xoves, 28 Setembro 2023 12:44

O Centro de Información á Muller, en colaboración cos 7 concellos da Mancomunidade de Verín, presenta unha nova actividade enmarcada no proxecto "Teatro rural pola corresponsabilidade". Esta iniciativa ten como obxectivo promover a igualdade e fomentar a participación paterna na educación en valores dos nenos e nenas da rexión a través do teatro. A función de "A Misión Secreta de Gala" , que será de balde, terá lugar o sábado, 7 de outubro, ás 18:00 horas no Auditorio Municipal.

A obra seleccionada para esta ocasión é "El laboratorio de los sueños", unha emocionante historia que leva ao público a un mundo de aventuras e soños. Gala, a protagonista, quere seguir os pasos do seu pai, o prestixioso Dr. Marabillas, no campo da ciencia, pero ten unha prohibición: a entrada ao laboratorio. O Dr. Marabillas, responsable de enviar as estrelas ao ceo todas as noites para que os nenos e nenas poidan soñar, esqueceuse de enviar estrelas á súa filla, privándoa dos seus propios soños. Decidida a cambiar a súa sorte, Gala emprende unha misión secreta para acceder ao laboratorio sen ser vista. A pregunta que todos se fan é se Gala conseguirá estrelas para soñar ou se meterá nunha boa lea.

Esta entretida representación familiar promete momentos de diversión e emoción para todas as idades. Unha oportunidade única para reflexionar sobre a igualdade e a importancia da corresponsabilidade na educación.