O cartel ilustrador do FIC 2023 pon en valor a imaxinación e a liberdade de pensamento, cun estilo retrofuturista e unha estética moi chamativa visualmente Imprimir
Sábado, 15 Xullo 2023 19:20

O FIC 2023, que se celebrará na vila do Támega entre o 8 e o 17 de setembro, xa conta con cartel ilustrador. Un traballo cuxa idea conceptual parte de Jorge Godás, responsable de Creatividade e Multimedia do certame, que foi realizada pola axencia coruñesa The Office. Inspirada na película británica Brazil, de Terry Gilliam, a idea creativa do cartel ilustrador susténtase nunha crítica velada á intelixencia artificial seguindo o universo distópico que propón o filme. "Ante o control absoluto,nos queda loitar pola imaxinación e a liberdade de pensamento nun mundo que podería resultar opresivo", defende Jorge Godás, autor intelectual do cartel.



Brazil é unha película de hai 37 anos, pero a súa vixencia resulta plena na realidade que vivimos hoxe en día. O filme retrataba un mundo "agobiante" e "tecnócrata", tal e como asegurou na presentación do cartel Carlos Montero. En certo modo, esta idea gráfica pretende criticar "os fallos e a deshumanización da modernidade", engade.

 

O director do FIC Vía XIV fai súas as verbas do director de Brazil ao afirmar que estamos nun momento de cambio tecnolóxico. Éste é tan acusado ou máis que o que retrataba o filme de Gilliam. Por iso, "a gráfica do cartel baséase nun estilo retrofuturista que combina elementos do pasado con visións e conceptos do futuro", indica Montero. "Unha estética visualmente chamativa que captura a imaxinación de como se cría que sería o futuro dende a perspectiva do pasado, moi inspirada no propio cartel da película de 1985", engade.

 

Unha sátira da dependencia tecnolóxica

Neste sentido, a crítica sobrevoa a creatividade desde esa "vixilancia constante" e desde o "control que exerce o ollo", unha fenda que se acentuou "coa proliferación das redes sociais", destaca Jorge Godás. En resumo, co cartel deste ano quixemos realizar unha pequena sátira da dependencia tecnolóxica que, en certo modo, provoca unha perda dos valores éticos humanos", afirma o responsable de Creatividade e Multimedia do festival.

 

Pola súa banda, a concelleira de Cultura de Verín, Samanta Barreira, destacou na súa intervención que unha das singularidades do FIC Vía XIV é que renova o seu cartel ilustrador "cun concepto totalmente diferente en cada unha das súas edicións". A creatividade que transpira o certame comeza no momento mesmo no que se concibe a súa imaxe gráfica en cada unha das súas convocatorias".

 

Barreira eloxiou a imaxe do FIC Vía XIV de Verín neste 2023 e destacou o seu "espírito crítico e inconformista", algo intrínseco ao "cinema como arte e expresión cultural". Neste sentido, Barreira manifestou o firme compromiso do Concello de Verín con seguir impulsando iniciativas coma o Festival de Curtas que axuden a xerar pensamento crítico entre a sociedade verinesa. "A arte e a cultura non terían sentido de non perseguir esa finalidade", engadiu. "Teñen que axudarnos a pensar e a ser mellores persoas", afirmou.

Na imaxe do cartaz ilustrador do FIC Vía XIV 2023 pódese ler a lenda "Felices futuros imperfectos", toda unha declaración de intencións que fai referencia directa á sinopse da película de Terry Gilliam centrada "nun universo futurista no que reinan as máquinas". Un filme moi inspirado, en certo modo, na novela de George Orwell 1984, aínda que a diferenza do libro, a película incorpora "trazos de humor seco e satírico", considera Jorge Godás.