O Auditorio de Verín acolle a respresentación da obra “O furancho” de Ibuprofeno teatro Imprimir
Mércores, 28 Xuño 2023 11:18

O sábado 8 de xullo, ás 20:30 horas, o Auditorio de Verín acolle a representación da obra “O Furancho”, da compañía Ibuprofeno Teatro. Peza de teatro escrita e dirixida por Santiago Cortegoso. Sempre na vangarda do deseño e das últimas tendencias, Marián Bañobre e Isabel Risco preséntannos a súa última creación: Unha nova aposta empresarial que cheira a éxito a pesar do contexto hostil no que vivimos.


Premiada co María Casares 2016 ao Mellor Vestiario, finalista a Mellor Autor, Premio Fetega (Festival do Carballiño) a Mellor Espectáculo e Mellor Actriz (Isabel Risco).

No noso furancho pódese consumir o excedente de viño, que é sinónimo de humor, e gozar dun espazo de comuñón e complicidade no que o público acode a empaparse coa máis pura e sincera expresión da comedia hilarante.

E para quen non sexa de moito beber alcohol, no noso Furancho Spa resort vitivinícola Rosalía de Castro ofrecemos tratamentos de beleza e saúde baseados na viñoterapia. O corpo humano é unha parra que se expande. Cada célula é unha uva que nos flúe por dentro. Nós cruzamos as sementes das cepas máis exquisitas para atopar a combinación perfecta que che proporcione relax e benestar. Todo sen química, nin sulfitos. Ecolóxico 100%.

Programa de dinamización lingüística FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística.