O Concello de Verín aposta firmemente polo auguismo e o patrimonio histórico termal Imprimir
Xoves, 29 Setembro 2022 12:04

 O Concello de Verin participa en Termatalia (a Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar) que terá lugar en Ourense os días 29 e 30 de setembro. Tras moitos anos, a vila do Támega estará presente de forma individual mostrando así unha firme aposta polo potencial termal de Verín.


As persoas que visiten o stand de Verín trasladaranse a principios do século XX a través dunha reprodución dunha buvette histórica (duns 12 m de longo e 4 m de ancho), na que poderán contemplar unha galería de imaxes que mostran o pasado presente e futuro desta vila termal. Por outra banda, poderanse tamén degustar todas as súas augas mineiro-medicinais a través de dispensadores; permitindo ao visitante apreciar in situ as diferentes particularidades de cada unha delas.

«Desde o grupo de goberno», explicou Diego Lourenzo, tenente de alcalde e concelleiro de Turismo de Verín, «estamos a facer unha firme aposta por unha optimización da xestión do noso gran patrimonio termal, así como das nosas augas mineiro medicinais».  Lourenzo tamén quixo destacar a posición estratéxica que ten a vila, situada a 20 km da cidade de Chaves, «e que converte a este territorio no de maior concentración termal e mineiro-medicinal da península».

«Estase a traballar na planificación e desenvolvemento dun turismo sostible coa finalidade de converter ao municipio nun destino integral. O valor diferencial do mesmo será a calidade das súas augas mineiro-medicinais e o potencial da nosa arquitectura termal; que se potenciará fomentando a creación de sinerxías co resto da oferta gastronómica, vinícola e cultural», salientou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane.

Segundo o rexedor municipal, o obxectivo do ente municipal é xestionar todos estes recursos de forma global e sostible utilizando todos os instrumentos de apoio dispoñibles para viabilizar os proxectos en curso; «isto posibilitará promocionar e comercializar a vila balnearia de modo que sexamos capaces de atraer ao turismo nacional e internacional de proximidade».

Verín está presente tamén na Caseta da Eurocidade Chaves-Verín, espazo compartido coa EHTTA e en Vilas termais de España.