Un superheroe visitará Verín Imprimir
Xoves, 11 Agosto 2022 10:15

Un Superheroe, Fran Rei, chegará a Verín o próximo 20 de agosto. A súa aparición, que será ás 21:00 horas na Praza da Merced, pretenderá amosar como é a apaixoante experiencia persoal da paternidade. É “unha sentida e sincera homenaxe a todos e todas @s superheroes e superheroínas que, día a día, nos fan a vida máis doada, máis fermosa e máis feliz”.



O espectáculo aborda a temática da conciliación da vida laboral e familiar. Na ausencia de Supernai, por motivos laborais, o noso superheroe deberá salvar a humanidade de terribles ameazas. Así, deberá loitar contra perigosos axentes malignos mentres prepara as merendas, pon unha lavadora ou cambia un cueiro. E todo, no axustado tempo que lle deixa a apertada axenda de actividades extraescolares dos seus fillos.


“Unha desventura cómica que bebe das grandes e populares producións cinematográficas de superheroes, tan de moda nos últimos anos”. Contén maxia, moitas risas e está pensado para toda a familia.