A protectora de animais de Verín Proanimales visita os cativos da ludoteca Imprimir
Martes, 09 Agosto 2022 17:40

Os nenos e nenas da ludoteca de Verín pasaron o día co persoal da protectora de animais local Proanimales Verín. Os coidadores visitaron o colexio

acompañados dalgúns dos cans egatos dos que se fan cargo e dedicaron a mañá a explicarlle aos rapaces a actividade que realiza protectora así como tamén a lanzar unha mensaxe contra o abandono e o maltrato animal. Os rapaces puideron tamén xogar coas mascotas.

A mañá comezou cos encargados de Proanimales Verín explicando o traballo que realizan na protectora e a súa labor de atención aos animais abandonados. Tamén ensinaron aos rapaces o que deben facer en caso de que vexan algún animal sen coidados ou maltratado, ademais de concienciar sobre a responsabilidade que implica ter unha mascota. Despois, amosaron cada un dos cans, contando cadansúa historia de abandono e recuperación. Para rematar, todos os animais foron pasando a carón dos nenos e nenas, que puideron ter o contacto máis directo con eles.

«Considero que se trata dunha actividade moi lúdica e tamén cunha importante carga didáctica, estou moi satisfeita» sinalou Purificación Caldelas, concelleira de Medio Ambiente, quen recalcou ademais que  «e fundamental inculcar o coidado e o respecto polos animais xa desde idades temperás». Caldelas tamén quixo agradecer presenza e o traballo realizado polo persoal da protectora.