O Concello asina a renovación do convenio con COGAMI para promover a inserción laboral de persoas discapacitadas Imprimir
Mércores, 27 Xullo 2022 13:12

O presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Anxo Antón Queiruga Vila, reuniuse hoxe co alcalde de Verín para renovar un acordo cara á inclusión no mercado laboral das persoas discapacitadas.

O acordo ten como obxectivo a cesión de instalacións municipais a COGAMI de xeito gratuíto. Estas son utilizadas para a creación dun punto de información, asesoramento e espazo informativo desde o que desenvolver a súa actividade. Preténdese así mellorar as oportunidades das persoas discapacitadas no municipio, potenciando a colaboración con empresas da contorna.


COGAMI traballa vinculada ao seu Servizo de Intermediación, Orientación e Prospección de Emprego (SIL) para persoas discapacitadas, axudándoas a penetrar no mercado laboral. A entidade, sen ánimo de lucro, leva anos fomentando e reivindicando os dereitos deste colectivo, e colabora co Servizo Público de Emprego de Galicia. Ademais, organiza cursos de formación adaptados a necesidades especiais.

Gerardo Seoane, alcalde, sinala estar “sempre moi aberto a que este tipo de iniciativas se leven a cabo na vila” e ponse “á enteira disposición da Confederación”. O consistorio ten competencias, ademáis de na creación e mantemento de servizos sociais, na coordinación con iniciativas sociais externas, fomentando a solidaridade e a participación social. Seoane indica, ademais, que “Verín conta coa infraestrutura e dependencias axeitadas ás necesidades de COGAMI.”

O rexedor explicou que a devandita colaboración "supón unha mellora da atención e servizos prestados por COGAMI no municipio, xerando, ademais lazos entre os futuros proxectos que se poidan lanzar desde ambas entidades, favorecendo a coordinación das mesmas". Durante este primeiro semestre de 2022, conseguíronse 18 insercións laborais, contando cun posto de traballo 90 persoas con discapacidade na comarca.