Verino destaca o papel da moda como linguaxe propia cunha exposición de 40 fotografías emblemáticas Imprimir
Xoves, 30 Xuño 2022 14:11
 A inauguración oficial da exposición de fotografías 40 anos de Estilo Verino celebrouse na casa da Cultura de Verín este mediodía e contou coa presenza do alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, o presidente da Deputación de Ourense Xosé Manuel Baltar; Rosario Rodríguez, segunda tenente alcalde de Verín; Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos; Cándida Couñago, concelleira de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil e Purificación Caldelas, concelleira de Desenvolvemento Rural e Medio Ambiente;  todos os alcaldes da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez.

A mostra é unha retrospectiva destes 40 anos de moda da man d@s mellores top models como Christy Turlington, Olatz, Helena Christensen entre outros e fotógrafos como Eloy Lozano, Javier Vallhonrat, Jacques Olivar ou Paco Navarro.

«Esta exposición é moito máis que unha compilación de fotografías dos mellores fotógrafos de moda. É unha forma de expresión propia coa que recordamos que noso estilo perdura a través dos anos. Unha muller ou home Verino pode ter unha prenda no seu armario de hai 20 anos e ser perfectamente actual no día de hoxe», sinala Verino.

40 fotografías, unha por cada ano da marca, na que se pode ver a evolución da propia da enseña e na que o fío conductor é un estilo propio e inconfundible que se percibe nas instantáneas. «Se nos percatamos no que nos aporta esta selección de fotos, podemos ver unha linguaxe propia que vai no noso ADN. Un código de elegancia, sen estridencias, con selo para todos aqueles que desexan estar ben consigo mesmos», aporta o deseñador verinés.

«Para nós, a moda pode axudarnos a ser máis equilibrados, a estar máis contentos e seguros e isto é un pilar que temos que ter en conta cando mercamos unha prenda», asegurou durante a presentación.

«Eu sempre insisto no concepto da importancia de ter un bo armario emocional, con prendas que resolven o teu día a día e, que ademáis, recordan bos momentos, falan da túa familia, da túa historia e de ti mesmo. Un armario desas características sempre dirá moito máis do que o defenda, aportará un estilo propio e inconfundible a todo aquel que aposte por esta forma de moda que perdura con verdadeiro propósito», indica Verino.

 A exposición comeza na súa vila natal e percorrerá 10-12 cidades ao longo do noso país neste 2022 e 2023 entre as que están: Sevilla, Oviedo, Santander, Madrid, Santiago de Compostela e Bilbao entre outras.

Pola súa banda, a segunda tenente de alcalde, Rosario Rodriguez quixo agradecer a Roberto Verino «en nome deste grupo de goberno, así como de todos os verineses e verinesas», a decisión de elixir a súa vila natal como punto de partida desta exposición fotográfica. «Sen dúbida é un auténtico privilexio poder contar en Verín con esta mafgnífica mostra retrospectiva destes 40 anos de “estilo verino”».

A exposición estará aberta dende o 30 de xuño ao 30 de agosto e conta cunha web www.estiloverino.com