Xoel López e Gustavo Santaolalla en Verín o 3 de Xullo Imprimir
Luns, 27 Xuño 2022 11:56

 Verín estará de celebración o día 3 de xullo xunto a Xoel López e Gustavo Santaolalla.

O compositor e cantante Xoel López, que xa suma 20 anos de traxectoria musical, pisará Verín cun concerto no que poderás escoitar un repertorio de éxitos de álbums como Paramales ou Sueños y Pan, pero tamén do seu último traballo Si mi rayo de alcanzara, tres álbums que resumen unha vida de viaxes e vivencias cheas de influencias musicais.

En Verín vivirás un Xoel resultado dunha traxectoria e un último lanzamento que o xornalista Manuel Jabois describe da seguinte forma: «Hay una lógica formidable en su trayectoria y una música interior en sus canciones que remiten a algo para lo que se necesita tiempo y carácter: un sonido propio, un adn colocado por fuera como los letreros de los bares avisando de que allí se para. En Si mi rayo te alcanzara se para y se hace noche. Es un disco de hospedaje. Los que estamos con Xoel estamos desde siempre, y quien llega ahora tiene la misma sensación».

Esta cita vólvese aínda máis especial ao contar tamén con Gustavo Santaolalla, músico e produtor musical arxentino, dúas veces gañador do Premio Óscar polas bandas sonoras das películas Brokeback Mountain e Babel.

O seu paso por Verín forma parte da súa xira Desandando o camiño e será un concerto que mostrará a ampla gama de composicións de Santaolalla a través dunha colección ecléctica que equilibra o instrumental con material vocal.

Os concertos de ambos os artistas terán lugar no Recinto A Preguiza, con acceso libre para todos os públicos, e o evento dará comezo ás 21:00h.

Sen dúbida, unha gran mestura de artistas polos que merecerá a pena visitar Verín na noite do domingo 3 de xullo.