(EVENTO POSPOSTO)O escritor Xosé Carlos Caneiro presenta o seu novo libro “Verín de Verín” Imprimir
Luns, 20 Decembro 2021 10:17

- Desde a editorial Conmar Editora informan que debido a motivos persoais a presentación do libro "Verín de Verín" de Xosé Carlos Caneiro queda posposta ata novo aviso. -


O vindeiro 22 de decembro, ás 19,30 horas, o Auditorio municipal de Verín acollerá a  presentación do novo libro do escritor Xosé Carlos Caneiro, “Verín de Verín”, un relato  de variadas historias cun eixo común: Verín. O autor estará acompañado por Román  Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade; Gerardo Seoane, alcalde  de Verín, e Emilio Rúa, cantautor ourensán, quen amenizará a xornada con música en  directo.


“Verín de Verín” é o primeiro libro da colección da nova editorial Conmar Editora. A  obra contén textos de Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963), no que o humor e a vila natal  do escritor son o seu fío condutor, cun amplo elenco de personaxes como centro  narrativo.

Dende Conmar Editora cren que nunca foi máis necesaria a capacidade de facer rir ás  persoas: «Saímos ou estamos a saír dun episodio funesto que a maioría de nós pensamos  que nunca podería acontecernos. Pasamos pola dor, a tristeza, a ansiedade e o  abatemento dos seres humanos. Esta admonición da tristeza notouse, tamén, en  institutos, universidades e centros de ensino en xeral. Aí pretendemos levar a obra de  Xosé Carlos Caneiro, coa súa presenza e coa lectura de “Verín de Verín”».

O libro toma como fundamento o particular, o pequeno, para intentar convertelo en  xeral ou universal. Partir do “Nós” (co noso diferenciado modo de ser e a nosa retranca)  para debuxar situacións de fino humor que poidan chegar a calquera parte do mundo.

O xurdir de Conmar Editora

Conmar Editora é un novo proxecto editorial creado en Galicia, concretamente en Verín  (Ourense), co desexo de publicar obas en diferentes formatos que teñen como guía a

calidade literaria. Centraremos a nosa atención en libros diferentes, orixinais e con  argumentos estético suficientes para atraer a atención dos lectores.

“Verín de Verín” abre o camiño e é a primeira acción cultural, en forma de libro, de  Conmar Editora, unha empresa que ata o momento tivo como principais focos de  atención a realización de recitais poéticos, organización de eventos de índole literaria,  ou participación en diversas actividades culturais. Co cantautor Emilio Rúa e co escritor  Xosé Carlos Caneiro realizáronse algunhas das actividades citadas.

Xosé Carlos Caneiro

Diplomado en Maxisterio e Licenciado en Xeografía e Historia. Asesor do Centro de  Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.  Profesor do curso “Arte da Ficción e Creación Literaria” da Universidade de Vigo.  Vicepresidente de Afundación, Obra Social de Abanca.

Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) comezou a publicar no ano 1984. É autor de trinta e  oito libros, ademais de numerosas obras colectivas e antoloxías, traducións,  conferencias, cursos e artigos periodísticos. “Un xogo de apócrifos”, “Ébora” ou  “Ámote” son tres das súas novelas. Escribiu tamén a biografía Jorge Luís Borges e  outros ensaios sobre literatura novelista valeulle os premios Nacional da Crítica, Xerais,  Blanco Amor, Torrente Ballester, Eixo Atlántico, García Barros, Lueiro Rey, Risco,  etcétera, e foi finalista do Premio Nacional de Narrativa. Actúa habitualmente co  cantautor Emilio Rúa en espectáculos poético-musicais. A súa obra está taducida a  varios idiomas.

Colaborador habitual desde hai vinte e cinco anos do xornal La Voz de Galicia e,  actualmente, da Radio Galega no espazo diario “A crónica”. Director e presentador do  programa cultural “As luces” da TVG. Anteriormente presentou na mesma cadea  televisiva o espazo “Oficio de palabras”.

En abril de 2010, na Feira do Libro de Bos Aires, a íntima colaboradora de Borges ao  longo de toda a súa vida, María Esther Vázquez, afirmou nun acto público e coa  presenza de Xosé Carlos Caneiro: “Si Borges estuviese vivo sería tu amigo y admiraría  tu literatura”.

A súa obra foi estudada por diversos investigadores, sobresaíndo a tese que a doutora  Olivia Pena realizou sobre o estilo na obra de Caneiro, merecedora da máis alta  cualificación, sobresaliente cum laude, en xuño de 2008. A través dunha rigorosa  análise científica a autora equipara a obra de Caneiro coa dos máis relevantes escritores  da literatura contemporánea.