O Concello de Verín remata as accións de limpeza e conservación do río Támega no seu tramo urbano Imprimir
Xoves, 16 Decembro 2021 11:54

O Concello de Verín  vén de rematar as accións de limpeza do tramo urbano do leito do río Támega ao seu paso pola vila, concretamente nas zonas situadas entre a ponte de Verín e Pazos.

As actuacións realizadas tiveron por obxecto levar a cabo as medidas de protección necesarias no leito do río Támega para a súa conservación e mantemento, coa finalidade de previr futuros problemas de cheas invernais e consolidar un caudal mínimo continuo ao longo do tramo urbano do río Támega, ao se paso por Verín.

Os traballos consistiron na limpeza e roza selectivos, utilizando tratamentos silvícolas (que favorecen o crecemento das especies que forman o bosque de ribeira) de ambas as marxes do tramo urbano que engloba desde a represa da zona do Olivar ata a Ponte de Melo, así como na retirada selectiva de sedimentos nas zonas necesarias.

Esta actuación executouse tras recibir a pertinente autorización por parte da Confederación Hidrográfica do Douro na que se especifica que «non causa prexuízo a integridade do espazo, non afecta de xeito significativo a hábitats prioritarios ou a núcleos poboacionais das especies de interese para a conservación ou elementos da paisaxe que revistan unha importancia fundamental para os compoñentes da biodiversidade».

«Esta é unha actuación preventiva máis das que vimos realizando desde o Concello de Verín, previa autorización de Confederación Hidrográfica do Douro, en zonas onde a acumulación de grava,  broza e sucidade converten certas zonas do  leito do río Támega en puntos de perigo de inundación», explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo.