Verín converterase na capital da cervexa os vindeiros 8 e 9 de outubro Imprimir
Xoves, 30 Setembro 2021 10:11

 Os vindeiros días 8 e 9 de outubro, o Concello celebrará a primeira edición da Festa da Cervexa de Verín. Será un evento centrado nesta popular bebida que contará con máis de 20 variedades de cervexas nacionais e de importación, e que se complementará con varios restaurantes que mesturarán gastronomía galega e alemá, actuacións musicais de primeiro nivel e animación infantil.

A programación oficial do evento foi presentada esta mañá no Salón de Actos da Casa da Cultura por Gerardo Seoane Fidalgo, alcalde do Concello de Verín; Emilia Somoza Basalo, concelleira de Educación, Cultura e Festexos e Manuel Lorenzo Feijoó, concelleiro de Transportes, Balnearios e Feiras.

«Coa situación sanitaria xa estabilizada», explicou Gerardo Seoane,  «o Concello retoma con  forza a  súa  axenda organizando eventos temáticos  punteiros  na  súa materia e  sempre de gran  calidade. Os máis de 1300 asistentes ao último Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV, ou as apenas 30 butacas dispoñibles - das máis de 250 vendidas - para as Xornadas de Novela Histórica -que terán lugar esta fin de semana- demostran que é o momento ofrecer á cidadanía un programación estable e de calidade para volver posicionar a nosa vila como o que era antes da pandemia, un referente no eido cultural e de lecer».

O evento terá lugar na nova zona verde da Preguiza e contará cunha carpa de 20x80 metros, dun aforo de 450 persoas, na que estarán colocados os postos de bebidas e alimentación. Os asistentes poderán sentarse en mesas colocadas dentro da carpa e haberá corredoiros habilitados para poder adquirir os produtos sen aglomeracións e respectando as medidas de prevención anticovid-19 vixentes nestes momentos. O horario da feira será o venres de 19.00 a 23.00 horas e o sábado de 12.00 a 16.00 e de 19.00 a 23.00h

Segundo explicou Manuel Lorenzo Feijoo, concelleiro de Transportes, Balnearios e Feiras, serán máis dunha vintena as variedades de cervexa, tanto nacionais como internacionais, as que se poderán degustar nas casetas da festa. «Contaremos cunha zona de expositores reunindo a tanto ás primeiras marcas cervexeiras nacionais como a unha importante representación dos mellores produtos de importación dispoñibles actualmente no mercado».

«En canto á oferta gastronómica», continuou Manuel Lorenzo, « instalaranse un total de seis postos de comida que ofrecerán aos asistentes pratos tradicionais galegos como polbo, xamón, embutidos, churrasco, empanada, polos asados e  crepes salgados e doces  así como tamén produtos alemáns como as típicas salchichas ao mais puro estilo Frankfurt».

«Ademais», finalizou a concelleira de Festexos, Emilia Somoza,  «a cita contará con amenización musical en directo dentro e fora da carpa». O venres e o sábado, en horario de tarde, actuará a charanga local Fuego Street Band. O domingo, tamén dentro da programación da feira, a Banda de gaitas Nova Era amenizará as calles da vila cun pasarúas para trasladar a Feira aos locais hosteleiros. Os grupos MiticOrtiga serán os pratos fortes musicais programados para as noites da Feira. «Tampouco nos esquecemos dos mais pequenos da casa que contarán con divertidos inchables durante as dúas xornadas».

Actuacións musicais

Os pratos fortes musicais terán lugar ás noites, ás 23:30 horas, con dous actuacións musicais de primeiro nivel.  As entradas para ambas actuacións estarán dispoñibles a través de ataquilla.com

O venres contaremos coa actuación de ORTIGA, proxecto en solitario no que Rizo traerá as súas chichas, as súas melodías pop, a súa querenza  verbenera e esa inapelable destreza para crear un imaxinario sonoro no que conviven Rubén  Blades, orquéstraa Panorama,  Metallica,  Bad  Bunny, a Miami  Sound  Machine, Omar  Souleyman ou o xitano, a cabra e a trompeta.

O sábado será a quenda de MITIC que presentarán o seu novo proxecto de expansión do instrumento máis emblemático da nosa terra, A Gaita, a través dun espectáculo musical único, orixinal e pioneiro. Dirixido e producido polos recoñecidos músicos vigueses Álvaro e Suso Costas, este espectáculo é capaz de sorprender e emocionar a todos os públicos, especialmente a todos os que NON son afeccionados nin á gaita, nin á música celta ou de raíz.