O FIC Vía XIV pecha a súa sexta edición facendo fincapé no poder transformador do cinema Imprimir
Sábado, 11 Setembro 2021 00:00

O FIC Vía XIV xa é un referente que traspasa fronteiras”. Así o asegurou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, no acto de clausura da VI edición do festival de curtas, no que tamén fixo fincapé en que “o festival, ao igual que o Entroido, axuda a situar Verín no mapa”. Gerardo Seoane puxo tamén en valor o poder transformador do cinema en tanto en canto “axuda a conformar o pensamento crítico”.


Pola súa banda, o director do FIC Vía XIV, Carlos Montero, destacou que ao longo de toda a semana a organización do festival afanouse e levar “a maxia do cinema a todos e a todas”. “En tempos de pandemia é máis importante manterse que medrar”, indicou Montero, quen tamén salientou que “este ano o FIC acadou novos fitos salientables coma, por exemplo, o feito de que por vez primeira se puideron seguir as sesións oficiais de xeito online a través da plataforma festhome”.

Traballos premiados

Na gala de clausura da VI edición do FIC Vía XIV, presentada por Arantxa Treus, outorgáronse os premios ás mellores curtas en cada categoría. Así, a curta francesa “A propósito de Lanzarote en general”, de Vincent Trincon, gañou na categoría Outra Mirada. Xunto a isto, “Aniksha”, de Vincent Toi (Canadá) resultou gañadora en Horizontes e “Reality” do lucense David Fidalgo fíxoo en “A Raia”. A mellor curta na categoría Nova foi para “Forastera” da española Lucía Aleñar e o Premio Especial do Público recoñeceu o traballo con selo estadounidense “The Letter Room” de Elvira Lind. Finalmente, o Premio Numax á distribución, que permitirá aos filmes premiados ser exhibidos nesta sala compostelá, foi ex aequo para a cinta mexicana  Al motociclista no le cabe la felicidad en el traje, de Gabriel Arrera, e para Elo, unha coprodución franco-portuguesa, de Alexandra Ramires.