A canteira do FIC Vía XIV dá froitos coa estrea de Capuchóns, un traballo de Íñigo Rolán Taboada Imprimir
Mércores, 08 Setembro 2021 18:26

 Hoxe estreouse no Auditorio de Verín Capuchóns, unha curta documental sobre o Entroido de Verín, dirixida por Íñigo Rolán Taboada como proxecto de fin de grao. Rolán Taboada é verinés e colaborou en diferentes edicións do FIC Vía XIV de Verín, o que evidencia que a canteira do certame comeza a dar os seus froitos.

Nesta peza, de 13 minutos, recupérase a través de imaxes de arquivo inéditas e testemuñas dos protagonistas do carnaval a esencia desta festa durante os anos 70, 80 e 90. A curta aborda unha época na que as celebracións mantiñan un carácter enxebre, na que a fariña estaba presente todos os días e na que as carrozas non lucían só o Domingo de Entroido. Un manifesto a prol da volta a unhas tradicións que se perderon desde hai moito anos debido á visión máis turística que colleu o Carnaval de Verín.

Tempo Documentary Festival

Xunto a isto, hoxe puido verse en Verín unha selección de curtas do Tempo Documentary Festival de Suecia, un foro cinematográfico que este ano é o festival convidado polo FIC Vía XIV. O certame escandinavo acadou neste 2021 a súa XXII edición e erixiuse, ao longo de todo este tempo, coma un foro único para a presentación de traballos documentais internacionais.

A selección de curtas deste festival sueco que puido verse en Verín incluíu os títulos A mother´s body; Between these folded walls, Utopia; Lihkku!; Obituary Voices of our time. Simón Revilla, director dunha destas curtas (Obituary) achegouse ata Verín para compartir co público aspectos da rodaxe da curta.