A aposta pola seguridade de asistentes, convidados e equipo organizador, premisa básica baixo a que se desenvolve o FIC Vía XIV de Verín 2020, inaugurado hoxe Imprimir
Sábado, 05 Setembro 2020 10:01

A V edición do Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV, inaugurouse este serán no Auditorio da Vila baixo a premisa básica de apostar pola seguridade dos asistentes, dos convidados e do equipo organizador. Para iso, deseñouse un completo protocolo anti-Covid que incluirá, entre outras medidas, desinfección rigorosa do espazo de proxección tras cada sesión ou pase mediante un novidoso sistema nebulizador.

Entre as principais novidades que se acometen este ano na V edición do Festival, destaca a habilitación dunha pantalla na Praza Maior de Verín para poder seguir algunhas das actividades paralelas, que tamén se emitirán a través de streaming.

Un total de 39 curtas participan no concurso oficial deste ano, encadradas -como é habitual- en catro categorías temáticas centradas nos eixos de Fronteira, Emigración e Entroido. As categorías levan por título Nova, A Raia, HorizontesOutra Mirada.

Un dos fitos máis significativos da semana será a visita que o actor Luis Zahera, coñecido por diferentes papeis en cine, teatro e televisión, realizará a Verín para recibir a homenaxe do equipo organizador do FIC Vía XIV e departir co público sobre a súa traxectoria.

Motor cultural

O Festival Internacional de Curtas de Verín constitúe un dos motores culturais da vila e está plenamente asentado na axenda de ocio e lecer da localidade. Neste sentido, o a concelleira de Cultura de Verín e coordinadora xeral do FIC Vía XIV, Emilia Somoza, aposta por “non deter a cultura en tempos de pandemia” porque “é un dos eixos vertebradores para conformar unha sociedade crítica”. Porén, insta a todos os asistentes a respectar as normas de seguridade e distancia social e a cumprir o protocolo implementado neste sentido.