O artesán verinés Gerardo Fernández é o autor do Premio do Público do FIC Verín 2020 Imprimir
Xoves, 13 Agosto 2020 12:19

 Gerardo Fernández, artesán de Verín, foi o encargado de deseñar o Premio do Público que se vai entregar no decurso do FIC Vía XIV 2020, que se celebrará na vila do Támega entre o 5 e o 13 de setembro. O ebanista e escultor quere, con este deseño, honrar a memoria do seu fillo Gerardo Fernández Pousada, “Geri”, finado hai tres anos, xunto ao cal creou a emblemática firma Ciclowood. Unha empresa que se adicou a producir bicicletas de madeira de xeito artesanal, con moita demanda en todo o mundo.

O deseño deste premio recrea unha bicicleta e unha cámara para “evocar o cinema” e, ao mesmo, tempo render tributo ao seu fillo “coa recreación dun elemento que el levaba moi dentro”. Para o autor do Premio do Público, “o FIC e Ciclowood comparten un grande elemento común: quixeron e queren levar o nome de Verín a todos os cantos do mundo, o máis lonxe posible”.

Humildade e agradecemento

Gerardo Fernández sinala que está seguro de que o seu fillo tería aplaudido enormemente a iniciativa de deseñar este premio e teríao feito “con humildade e agradecemento, porque eran dúas das súas características máis significativas”.

O Premio do Público e outorgado cada ano polos asistentes ás diversas sesións do FIC Vía XIV que, coas súas puntuacións, valoran cal é a curta merecente deste galardón.