Os netos do doutor Eloy Luis André formalizan oficialmente a doazon de preto de 200 obras é multitude de documentación asociada á Biblioteca do Concello de Verín Imprimir
Luns, 27 Xullo 2020 12:19

 Esta mañá, tivo lugar na Biblioteca Municipal a sinatura oficial da doazón das obras e documentos de D. Eloy Luis André. Estiveron presentes no acto os seus netos, Úrsula Luis-André e Carlos Thiebaut, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo.

Dende o pasado mes de maio, A Biblioteca Municipal do Concello de Verín conta nos seus fondos coa obra de Eloy Luis André, ilustre doutor en Psicoloxía e Filosofía, doadas polos seus netos. En concreto, son preto de duascentas obras (en varias edicións), revistas e xornais da época nos que as publicou. Ademais, no depósito figuran até medio centenar de carpetas que conteñen distintos escritos e materiais, como recortes de xornais, mapas e outros.

Toda a documentación de Eloy Luis André xa está sendo obxecto de custodia, conservación, estudo e análise documental por parte dos responsables da Biblioteca Municipal: Aurora Prieto e Vicente Rodríguez.

De xeito moi destacado, esta entidade conta coa inestimable e desinteresada participación do prestixioso investigador galego Xosé Ramón García Soto, Facultativo Psicólogo Especialista en Psicología Clínica do Equipo de Salud Mental Infanto-Juvenil de Burgos.

Tamén están a colaborar de xeito desinteresado Monika del Castillo e Rubén Couto na traducción dos distintos escritos orixinais en lingua alemá e transcrición dos mesmos. A súa participación, como coñecedores nesa materia resulta inestimable. Adicionalmente, Miguel Losada, Secretario da Soc. Antropolóxica Galega e colaborador habitual desta biblioteca axuda na evolución dos traballos.

Probablemente, a figura de Eloy Luis André pasa moi desapercibida na comarca do Támega, sendo tan só relacionada co caso da coñecida como a “Variante André”: a vía férrea que debía comunicar as grandes e medianas vilas do sur de Galicia, co tecido económico do norte de Portugal e co resto da Península. Fronte a esta proposta deseñada e promovida por Eloy Luís André, a opción que no seu día impuxo o Ministerio de Fomento fai posible que, hoxe en día, o tren transite pola rochosa cerna do Macizo Central Galaico e lonxe dos núcleos de poboación.


Por todo isto, a Biblioteca do Concello de Verín realizou nestes meses un pequeno espazo web onde se achega, tanto a investigadores como a calquera outra persoa interesada, unha noción previa suficiente sobre quen foi o erudito Eloy Luis André. Tamén está dispoñible unha cronobibliografía básica para ampliar coñecementos ó respecto dentro da web: www.bibliotecadeverin.es


Gerardo Seoane quixo agradecer á familia de Luís André a importante doazón realizada xa que «supón unha gran achega para a nosa Biblioteca e unha valiosísima ampliación do patrimonio cultural da nosa vila que, sen dúbida, contribuirá á recuperación dunha parte fundamental da nosa memoria histórica».

Eloy Luis André (Mourazos 1876 – Madrid 1935).

D. Xesús Taboada Chivite na súa obra "Varones ilustres de la Comarca Verinense", ed. Bolaños y Aguilar, Madrid 1946 (no que colabora nese artigo D. Ramón Otero Pedrayo) é o que, xa na década dos corenta do século XX, realizou a primeira biografía do insigne doutor e profesor Eloy Luís André.

Clasificar a D. Eloy dentro dunha rama específica é moi complicado, e calquera que realice unha pequena análise do panorama cultural da España do primeiro terzo do século XX remata por atopar ao erudito natural de Mourazos (Verín),  xa sexa no ámbito da psicoloxía, da filosofía, o dereito, a economía, a reforma do ensino, ou a reforma da planificación das infraestruturas do estado, como foi o caso das ferroviarias. Estás son algunhas das áreas nas que este sabio galego doutorado pola Universidade de Leipzig e hoxe esquecido, desenvolveu unha actividade que, pola contra, foi moi considerada por algunhas das mentes mais salientables do seu tempo.

 

Por moitos motivos, pois, podería hoxe destacar no panorama cultural galego a memoria da figura de D. Eloy Luis André. Seguramente un deles sería o feito de que el foi nada menos que o responsable da introdución en España da Psicoloxía Experimental moderna, dada a súa condición de discípulo destacado e colaborador de Wilhelm Wundt, pai da psicoloxía moderna coma ciencia, e de Rudolf Eucken Premio Nobel de Literatura en 1908.

Xosé Ramón García

É doutor en Psicología Evolutiva e da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Especialista en Psicología da Lenguaxe pola Universidade Pontificia de Salamanca. Impartiu docencia nas Universidades: Pontificia de Salamanca; Santiago de Compostela e Burgos. Profesor honorario da Área da Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos da Universidade de Burgos.

 

García Soto ten realizado traballos de investigación sobre: o desenvolvemento da linguaxe; a análise narrativa; a convivencia de nenos e enfermos de Alzheimer; sobre a historia da psicoloxía, sobre o proceso de neurorehabilitación do TDAH (Director de tese de doutoramento nesta materia); sobre a prevalencia de tics maila súa relación coas dificultades da aprendizaxe; sobre análises dos ideais educativos familiares en escolas infantís ou sobre a atención a Disforia de Xénero.

 

Tamén é autor, entre outros traballos, da monografía: "Os Estudos sobre a Infancia e a linguaxe Infantil no Seminario de Estudos Galegos" (Premio Vicente Risco no ano 1995) ademais de coautor en diversas obras e monografías científicas colectivas. Foi organizador dos Iº e IIº Simposios: “Presente y futuro de la salud mental infanto-juvenil” (Santander, 2016; Santiago, 2017). Como profesional, está afiliado á APA. É ademais, probablemente, o gran coñecedor e investigador da obra deste ilustre galego que foi Eloi Luís André sobre o que xa no seu día, esta biblioteca realizou unha modesta publicación preliminar.